A Xunta avalia os daños do pedrazo no Ribeiro
A Xunta lembra que convocou en xaneiro unha orde de axudas cun orzamento de 6 millóns de euros para fomentar os seguros agrarios e que estas pólizas cobren os danos provocados por fenómenos meteorolóxicos
A Xunta despregou técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) pola zona do Ribeiro na que se rexistrou onte un episodio de sarabia, co fin de realizar unha primeira avaliación provisional dos danos e de asesorar aos viticultores e adegas afectados.
Estes profesionais encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas.
Neste sentido, a Evega advirte que cómpre adoptar medidas preventivas coa aplicación de bioprotectores ecolóxicos sen prazo de seguridade ou de baixo prazo, para previr e frear no posible a evolución dos danos nos acios e sen que afecte á hixiene da colleita. Trátase de minimizar a incidencia de doenzas nos acios, a causa deste episodio adverso.
Seguros agrarios
Ao tempo, por parte da Consellería do Medio Rural lémbrase aos produtores que poden acollerse á orde de axudas que convocou o Goberno galego en xaneiro pasado para fomentar os seguros agrarios. Así, as achegas da Xunta para fomentar a contratación das pólizas agrarias ascende neste 2021 aos 6 millóns de euros, un 20% máis que o orzamentado o ano pasado.
Nesa liña, a Xunta insiste na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, recordando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias. Así, coas axudas da Administración autonómica para impulsar a contratación destes seguros perséguese que os produtores poidan obter rendas dignas malia sucesos como o de onte, aportando estabilidade á xestión das súas explotacións.
Cabe sinalar que o prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro -segundo a liña da que se trate- e que a axuda correspondente se recibe no momento da contratación. A Xunta concede estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2021 e de liñas gandeiras dos plans 2020 e 2021, formalizadas este ano.