A Xunta aposta por un monte innovador, sustentable e xestionado activamente
José González sinalou que o Inventario permitirá contar cun sistema de monitorización propio das masas forestais que constitúen o monte galego e da súa evolución.
O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor a importancia do Inventario Forestal Continuo para avanzar cara a un monte innovador, sustentable, ordenado e xestionado activamente ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040. Agradecendo o labor das universidades de Santiago e Vigo -que traballan coa Xunta desenvolvendo esta iniciativa- sinalou que o Inventario permitirá contar cun sistema de monitorización propio das masas forestais que constitúen o monte galego e da súa evolución.
Facendo fincapé no consenso e na colaboración como catalizadores do Inventario Forestal Continuo, o conselleiro lembrou que un 69% da superficie do territorio galego é forestal, polo que estamos -dixo- ante un sector clave para o noso rural. Deste xeito, segundo apuntou, coñecer a realidade desa superficie permitirá avanzar nunha mellora da súa xestión, facendo diagnoses adecuadas para a toma de decisións tanto públicas como empresariais.
Na súa intervención, o conselleiro recordou que o Inventario cumpre coa necesidade dunha actualización progresiva das medicións establecida polo Consello Forestal, así como coas recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais. Nesa liña, destacou que o obxectivo final é acadar unha política forestal planificada, comprometida, consensuada e verificable, mediante un proceso participativo no que estean presentes todos os estamentos interesados da sociedade galega, incluída a indispensable comunidade científica.
Inventario Forestal Continuo
O Inventario Forestal Continuo de Galicia ten como obxectivo establecer unha folla de ruta conxunta que permita, por unha banda, facer seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas, e por outra, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe forestal continuado.
Así, este documento dará cumprimento a unha das recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais, que sinalaba que era necesario crear un sistema de información e estatística forestal da nosa comunidade, como mecanismo que permitise facer diagnoses axeitadas e ser unha ferramenta fundamental para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.
Deste xeito, a posta en marcha do Inventario axudará a aplicar o Plan Forestal de Galicia 2021-2040, aportando información continua e precisa sobre os recursos dos montes para valorar todos os aspectos de cada medida coa finalidade de mellorar a planificación e a xestión estratéxica, ambiental e económica.