A Xunta adxudica dúas viviendas públicas en Castro Caldelas e Ourense
Estas promocións de VPP en núcleos rurais e barrios históricos son impulsadas polo IGVS co fin de acadar o acondicionamento do entorno e a rehabilitación de inmobles residenciais situados en zonas en estado de abandono ou semiabandono.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, entregou as chaves de dúas vivendas de promoción pública (VPP) en réxime de alugueiro. Estas vivendas están emprazadas na rúa do Villar, nº 1 - baixo dereita, no concello de Ourense, e na rúa do Sol, nº 2 B, en Castro Caldelas.
O delegado territorial explicou que as persoas beneficiarias xa poden facer uso das vivendas de inmediato e resaltou que esta actuación é unha mostra máis do apoio que mantén o Goberno galego aos cidadáns para facilitar o acceso á vivenda. De feito, a maiores das vivendas de promoción pública que constrúe ou rehabilita de forma directa, a Xunta desenvolve unha serie de medidas de carácter social encamiñadas a atender esta demanda e mantén aberto ao longo de todo o ano a posibilidade de inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda (RUDEVI).
Ademais do parque público de vivenda da Xunta de Galicia, Gabriel Alen ven de subliñar que o IGVS ten distintos programas en funcionamento tendentes a atender as demandas de vivenda entre os colectivos máis vulnerables. Neste sentido, destacou a recente publicación do Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (PMVA) —coñecido como programa Vivendas Vivas— co que se pretende mobilizar o meirande número posible de vivendas de titularidade privada sen uso para a súa incorporación, a un prezo accesible, ao mercado de alugamento.
O programa desenvólvese a través dunha rede de entidades colaboradoras, e garante o aboamento das rendas impagadas, así como un seguro para reparación de danos que se poidan ocasionar nas vivendas, e asistencia xurídica en caso de ser necesaria.
Existen outros programas, entre eles o denominado bono de alugueiro social, coñecido a partir deste ano como bono prestación, que axuda a pagar a renda mensual coa concesión de axudas ás vítimas de violencia de xénero, persoas que foron obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual e outras persoas especialmente vulnerables.
As vivendas
A vivenda entregada en Ourense ten unha superficie útil de 92,64 metros cadrados, e consta dunha planta baixa, onde está emprazada a entrada; un segundo andar cun distribuidor, aseo, salón e cociña, coa superficie útil de 33,91 metros cadrados; e unha planta terceira onde se atopa un lavadoiro-tendal, un baño e dous dormitorios cunha superficie útil de 52,54 metros cadrados. Ten vinculada unha praza de garaxe na praza Rafael Dieste cunha superficie útil de 23,63 m2. Esta vivenda obtivo a cualificación definitiva como vivenda de promoción pública de barrio histórico o 22 de maio de 2019 e enmárcase nas actuacións promovidas polo IGVS na cidade no marco do programa Rexurbe.
A vivenda de Castro Caldelas ten unha superficie útil de 70,21 metros cadrados. Distribuída en planta baixa, dúas plantas altas e baixo cuberta. Consta cos seguintes servizos e dependencias: cociña-comedor, escaleiras, distribuidor, dormitorio e lavadoiro tendedeira. Esta vivenda obtivo a cualificación definitiva como vivenda de promoción pública de barrio histórico o 9 de marzo de 2010.
Ámbalas dúas vivendas están situadas en barrio histórico, de tal xeito que o acceso a elas será sempre en réxime de alugamento e os ingresos da unidade de convivencia do adxudicatario terán que estar comprendidos entre 1 e 5,5 veces o IPREM. A renda a aboar polos inquilinos non superará os douscentos cincuenta euros, toda vez que se calcula en función da superficie da vivenda e dos ingresos da unidade familiar ou de convivencia.
As vivendas destas promocións en núcleos rurais e barrios históricos son impulsadas polo IGVS co fin de acadar o acondicionamento do entorno e a rehabilitación de inmobles residenciais situados en zonas en estado de abandono ou semiabandono, ou en cascos históricos de poboacións, sempre que estean orientadas á mellora, conservación e recuperación do patrimonio destas zonas ou revistan un interese específico, arquitectónico, social ou urbanístico.