A Xunta activa o plan de viavilidade invernal na provincia de Ourense
A Xunta desenvolve entre o 1 de novembro de 30 de abril o Plan de vialidade invernal cun amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade.
A Xunta activou o Plan de vialidade invernal na provincia de Ourense, cun dispositivo de 83 profesionais e máis de 2.000 toneladas de fundentes para garantir a seguridade e a mobilidade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo.
Os seis centros operativos e os medios distribuídos pola provincia para garantir a seguridade viaria nas estradas da Xunta ante as inclemencias meteorolóxicas propias desta época do ano permanecerán en servizo desde o día 1 de novembro e ata o vindeiro 30 de abril. Deste xeito, a Xunta opera a través dos centros e subcentros de Ourense cidade, Celanova, Verín e A Rúa.
O Plan inclúe na provincia de Ourense un dispositivo de 46 máquinas, entre elas, camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal e estendedores de salmoira. Estes recursos permitirán a atención e o mantemento dos algo máis de 1.000 km de estradas autonómicas na provincia para acadar condicións de seguridade viaria, especialmente nas épocas con episodios de climatoloxía adversa.
Dentro deses 1.000 km da rede viaria autonómica na provincia, prestarase especial atención aos case 450 km que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por acumulación de neve ou placas de xeo. A Xunta vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de vialidade invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos 5.500 km de estradas da súa titularidade.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve. Este plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.
Ademais de recoller protocolos de actuación, o plan prevé unha especial vixilancia das estradas para detectar posibles incidencias; e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas estradas, de internet e o teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT) ou coa difusión da situación nos medios de comunicación.
O Goberno galego destina cada ano un importante investimento para levar a cabo tarefas de conservación nas vías, entre as que destacan estas accións de vialidade invernal. Os Orzamentos da Xunta de 2024 recollen, concretamente, un incrementando de preto dun 8% do investimento destinado á seguridade viaria e á conservación das estradas autonómicas, acadando os case 53 M€.