Gastronomía

O xeodestino “Terras de Celanova-Serra do Xurés” estrea guía gastronómica dixital

Esta guía foi presentada, na Casa de Curros en Celanova, nun acto ao que asistiron os alcaldes e hostaleiros dos concellos que integran este xeodestino.

Óscar Gómez

Ourense | 21.12.2022 08:18

O xeodestino “Terras de Celanova-Serra do Xurés” estrea guía gastronómica dixital | onda cero

A hostalería do xeodestino “Terras de Celanova-Serra do Xurés”, xestionado polo Inorde, xa teñen o seu propio espazo na guía gastronómica e de restaurantes da provincia de Ourense (https://www.restaurantesourense.com/). Esta incorporación da oferta do xeodestino a esta páxina gastronómica foi unha das actuacións que se ultimou no plan do acción do 2022 co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.

“Trátase dunha ferramenta moi útil que proporciona información aos turistas do xeodestino, axudándolles a planificar a súa visita ”, explicou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, na presentación desta iniciativa, celebrada hoxe na Casa de Curros en Celanova, aos alcaldes e hostaleiros que integran os municipios deste xeodestino, acto no que estivo acompañado pola xerente do Inorde, Emma González; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; e a comisaria do Xacobeo en representación da Axencia de Turismo de Galicia, Cecilia Pereira.

Na súa intervención, Pablo Pérez lembrou que “unha das prioridades na folla de ruta do goberno provincial é apoiar aos autónomos da nosa provincia porque somos conscientes de que son un dos sectores clave no desenvolvemento económico do noso territorio. Así o demostramos nun momento clave, como foi a pandemia, coas axudas que se lles concedeu a este sector co obxetivo de contribuír a paliar os efectos da crise. E, actualmente continúan a ter na Deputación de Ourense ao seu principal aliado a través de diferentes liñas de apoio. Este ano, por exemplo, a través do Inorde coa convocatoria a asociacións de comerciantes da provincia ou con este tipo de ferramentas, que hoxe presentamos, que permite dar visibilidade aos establecementos hostaleiros dos municipios, agora neste xeodestino, pero o ano pasado, xa o fixemos cos do xeodestino Trevinca-Valdeorras que tamén xestiona o Inorde”.

logramos que os usuarios poidan ver a oferta gastronómica dos locais dos municipios do xeodestino

Ademais, o deputado provincial lembrou que entre as actuacións realizadas polo Xeodestino este ano atópase “a creación dunha agrupación dos municipios que o integran para presentar a candidatura a Destino Turístico Intelixente para o cal a Deputación de Ourense, co obxecto de facer viable esta iniciativa, comprometeuse ao cofinanciamento necesario para que sexa unha realidade, o que demostra que non só se usan os fondos froito do convenio con Turismo de Galicia, senón que se traballa para captar fondos de outras administracións”.

Pola súa parte, a xerente do Inorde dixo que con esta iniciativa “logramos que os usuarios poidan ver a oferta gastronómica dos locais dos municipios do xeodestino que quixeron adherirse a esta plataforma dixital, aberta a novas incorporacións, xa que naceu coa vocación de abordar toda a provincia de Ourense”, lembrou a xerente do Inorde.

Emma González lembrou que esta é “unha das iniciativas que anunciamos a comezos de ano para este xeodestino, xunto coas accións de promoción realizadas para lograr unha maior notoriedade do destino en mercados de proximidade de Galicia e do norte de Portugal, actuacións con prescriptores do sector co que xurdiron outras como, por exemplo, promocionar a zona no programa de “Saber Vivir”, desenrolamos unha estratexia de comunicación dixital específica pensada no público consumidor deste medio; e participamos en Feiras como Xantar cun stand propio aberto aos produtores do territorio”.

Restaurantes Ourense

Esta guía creada por Carlos Domarco e Andrés Reinares -asistentes ao acto-, ofrece a posibilidade de descargar a súa propia aplicación, na que os potenciais consumidores poden atopar unha completa información detallada dos establecementos de restauración do xeodestino “Terras de Celanova – Serra do Xurés”, distribuídos por concellos. Desde a aplicación, o usuario pode coñecer a ubicación exacta do establecemento, chamar ao local directamente, coñecer o menú en tempo real do local, así como ter información precisa do establecemento (horarios, servizos, imaxes do local e dos pratos), e adicionalmente incluirase un vídeo de presentación de cada un.

Ademais, na mesma web tamén hai un blog que recolle a actualidade vencellada á enogastronomía da zona. Os municipios que integran este xeodestino son os seguintes: Bande, A Bola, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobeira, Lobios, Muiños, Padrenda, Quintela de Leirado, Verea, Cartelle, A Merca e Ramirás.

Esta guía de establecementos de restauración da provincia, naceu no marco do proxecto “Restaurantes Ourense” a finais do 2019, seguida dunha aplicación para a reserva de mesa para grupos e, por último, dunha aplicación para comida a domicilio. Actualmente, esta web atópase nos primeiros postos de busca en Google en distintas palabras claves como “restaurantes Ourense”, “comida a domicilio Ourense”, “donde comer en Ourense”, etc.

Ademais, a aplicación para Android xa foi instalada en máis de 1.000 dispositivos móbiles e proximamente lanzarán a versión para IOS. A web, pola súa parte, logra nos meses de máis tráfico máis de 10.000 visitas mensuais. Actualmente, están inmersos no lanzamento da súa propia central de reservas de mesa a nivel provincial para os turistas, asesorándoos na busca do mellor restaurante que se adapte ás súas necesidades e gustos culinarios, así como para recomendarlles os pratos típicos de cada zona.