Ourense Provincia

Veciños de Covas en Os Blancos rexeitan a instalación de macroeólicos

Todas as veciñas e veciños que asistiron o domingo a unha reunión convocada polo alcalde, agás o presidente da comunidade de montes e o propio alcalde (quen se abstiveron), votaron contra a o proxecto Lamas II, de Greenalia, unha ampliación fraudulenta do proxecto Lamas de Feás

Óscar Gómez

Ourense | 07.12.2022 08:45

Veciños de Covas en Os Blancos rexeitan a instalación de macroeólicos | onda cero

Covas (Os Blancos), unha aldea que ficaría dentro dun polígono industrial eólico rodeada por macroaeroxeradores de 180 metros de altura a menos dun quilómetro das casas, con impactos directos para a saúde humana e risco grave para os animais e calquera

explotación gandeira nas proximidades se vai adiante o proxecto Lamas II (unha ampliación fraudulenta do macroparque Lamas de Feás), declarouse maioritariamente en contra deste proxecto promovido pola corporación enerxética Greenalia.

O alcalde dos Blancos, José Manuel Castro (PP), convocou a unha asemblea ás veciñas e veciños de Covas o pasado domingo. Debatéronse os impactos que causaría a construción do macroparque, que xa provocou un amplo rexeitamento nas aldeas de Feás, Lobás e

outras veciñas. E finalmente decidiuse votar para expresar a oposición veciñal aos macroeólicos. O resultados foi rotundo: todas e todos as veciñas e veciños presentes votaron en contra da instalación. Abstivéronse o alcalde (que expresou a súa intención de colocarse do lado da maioría da veciñanza do concello) e o presidente da comunidade de monte, que se distanciou da opinión do resto de comuneiros.

As veciñas e veciños, que comezaron a se organizar e se coordinar coa plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, solicitaron do alcalde a convocatoria urxente dun pleno municipal no que se tratase esta cuestión. O alcalde comprometeuse a consultar a outras aldeas

afectadas e reunir á corporación en pleno para expresar o apoio institucional á demanda veciñal.

ALEGACIÓNS.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova empezou a distribuír o modelo de alegacións exprés contra o proxecto de Greenalia denominado Lamas II. O prazo para rexistrar os escritos remata o 2 de xaneiro. Stop Eólicos Xurés Celanova dispón de

puntos de recollida de alegacións en Xinzo, Baltar, Calvos de Randín, Vilar de Santos, Allariz e Celanova e instala periodicamente mesas de recollida. As seguintes estarán en Celanova (este xoves na praza Maior durante a celebración do mercado matinal) e en Xinzo (durante a concentración do domingo, día 11).

CONCENTRACIÓN.

Con motivo do Días das Montañas, a coordinadora Eólica Así NON organiza en toda Galiza unha xornada de protesta contra a invasión eólica que se desenvolverá en 18 mobilizacións veciñais de carácter comarcal e provincial. No caso de Ourense, a concentración que o ano pasado se levou a Laza para denunciar a desfeita que suporía a construción de macropolígonos eólicos no Macizo Central, celebrarase este ano en Xinzo de Limia, para visibilizar a alerta diante da enxurrada eólica nas comarcas limiás, onde nestes momentos están a exposición pública o complexo MistralTramontana na serra do Larouco, e o complexo Lamas de Feás-Lamas II entre A Aguioncha e Pena Loba.

A concentración terá lugar na praza Maior de Xinzo este domingo a partir das 12 horas, e máis de vinte colectivos e plataformas de Ourense e do país apoian a protesta.