Comercio

O uso da madeira na construción beneficia o monte, a industria e o consumidor

O Goberno galego impulsa a utilización deste material a través da formación e a divulgación; a innovación; e o fomento da oferta e da demanda.

Óscar Gómez

Ourense | 12.11.2021 12:09

O uso da madeira na construción beneficia o monte, a industria e o consumidor | onda cero

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, sinalou durante a súa intervención nas XI Xornadas Arquitectura e Deseño, organizadas polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia coa colaboración da Xunta, que o uso da madeira na construción beneficia a toda a cadea de valor, desde o monte ao consumidor final, pasando pola propia industria forestal.

Lema salientou que, no novo modelo de economía circular que se impulsa desde a Unión Europea, e tendo en conta tamén os obxectivos de desenvolvemento sostible da Organización das Nacións Unidas (ONU), a madeira cobra protagonismo, como un material ambientalmente máis favorable para a súa utilización nos ámbitos do deseño e da construción, achegando valor engadido e beneficiando o conxunto da sociedade.

O director de Xera destacou o traballo do clúster para fomentar o uso da madeira en diferentes ámbitos, especialmente na construción, un obxectivo compartido coa Xunta, que impulsa a utilización deste produto como material básico de deseño e de construción a través da formación e a divulgación; a innovación; e o fomento da oferta e da demanda.

Así, no eido da formación, ademais de apoiar accións desenvoltas polas principais asociacións do sector, entre as que se atopa o propio clúster, Xera colabora con entidades como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela.

No ámbito da innovación, destaca o traballo do CIS Madeira, que participa en diferentes iniciativas a nivel europeo, e colabora na recuperación do patrimonio histórico utilizando madeira, por exemplo no caso do Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, onde cooperou coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade na recuperación das vigas orixinais de castiñeiro. Este centro dependente da Xunta participa tamén no proxecto europeo Eguralt, que se desenvolve dentro do programa europeo Interreg Sudoe e que busca a aplicación e difusión de solucións innovadoras para a promoción da construción de media altura con madeira. Dentro deste proxecto realizouse a semana pasada unha xornada en Maderas Besteiro.

No tocante ao fomento da oferta e a demanda, Xera impulsa o uso da madeira na construción pública, en colaboración con departamentos como o Servizo Galego de Saúde (Sergas), para a construción con madeira de centros de saúde, ou mediante as axudas para promover o uso da madeira na construción e o fomento de novos deseños e embalaxe. Ademais, impúlsase a renovación tecnolóxica das empresas, especialmente na segunda transformación.

As XI Xornadas Arquitectura e Deseño, que se celebran con carácter bianual, buscan ser un punto de encontro para a reflexión, o intercambio e a xeración de novas ideas, para o que contan con profesionais no emprego da madeira, tanto no deseño como na construción e a rehabilitación. Nesta edición foron MAS Arquitectura, Arkke Arquitectura e Proyectopía as empresas que achegaron as súas experiencias. A iniciativa conta co apoio da Xunta, a través de Xera, no marco da estratexia de formación que busca impulsar o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia.