Traballos de roza e limpeza en tres estradas autonómicas
Estas intervencións levaranse a cabo na estrada OU-525 en Taboadela; na OU-602 na Rúa; e na OU-320 en Sandiás e en Allariz.
A Xunta continuará con novos traballos de roza e limpeza nas marxes de 3 estradas autonómicas ao seu paso pola provincia de Ourense. Estas intervencións levaranse a cabo na estrada OU-525 en Taboadela; na OU-602 na Rúa; e na OU-320 en Sandiás e en Allariz.
Tamén continuarán as tarefas xa iniciadas na estrada AC-110 no municipio coruñés das Somozas; na autovía AG-59 en Teo; e na vía de altas prestacións VG-1.3 no seu percorrido polos municipios de Oleiros, Cambre e Sada. Ademais, proseguirán os traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, nos municipios lucenses de Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao; e na estrada LU-751, en Meira e en Ribeira de Piquín.
A próxima semana seguirán tamén estas actuacións de limpeza nas estradas OU-504 no Carballiño, Maside e Leiro; ou na OU-121 no Barco de Valdeorras. Ademais seguirán as rozas iniciadas nas últimas semanas nas estradas da provincia de Pontevedra: na AG-46, CG-4.1, VG-4.6 e VG-4.5 en Moaña e Cangas; na AG-51 en Salvaterra de Miño; na PO-331 no Porriño; e na estrada PO-504 na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo.
Control da biomasa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual. Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.
Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.