O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, inicia os traballos de remodelación integral do parque infantil da praza Mil, unha intervención que permitirá poñer a punto todos os xogos das zonas de lecer neste parque de gran afluencia de familias.
Para o concelleiro Jorge Pumar, “esta instalación permitirá dar resposta a unha demanda moi solicitada pola asociación de veciños do barrio”, como así quedou de manifesto na visita a obra realizada polo concelleiro en compañía da presidenta da Agrupación de Veciños Miño, Lorinda Fernández.
Os traballos consistirán na instalación dun novo multixogo como eixe principal dunha nova instalación que se completará coa incorporación de ata cinco novos xogos infantís, como será o caso dun novo equipamento con dous novos bambáns, e a incorporación de varios modelos de balancíns que ofertan distintas modalidades de xogos pensados para as distintas idades de nenos que acoden o parque de forma habitual.
O importe conxunto da inversión alcanza a cifra de 48.373,12€, e incluirá ademais das distintas gamas de novos xogos, a instalación de novo caucho continuo na superficie total da zona de xogos para a seguridade dos máis cativos.