Medio Ambiente

OS terreos forestais próximos a viviendas teñen que estar limpos antes do 31 de Maio

Para apoialos nestas tarefas, o Goberno galego proporciónalles o programa Xesbío, para que xestionen toda a tramitación administrativa da limpeza de franxas e poidan comunicarse cos donos das fincas que están dentro desas faixas

Óscar Gómez

Ourense | 19.05.2021 09:34

OS terreos forestais próximos a viviendas teñen que estar limpos antes do 31 de Maio | onda cero

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, fixo un chamamento aos propietarios de terreos forestais para que realicen unha correcta limpeza das parcelas máis próximas ás vivendas antes do vindeiro 31 de maio. O conselleiro engadiu que, unha vez chegada esta data que recolle a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a responsabilidade subsidiaria da xestión da biomasa preto das casas corresponde xa aos concellos aínda que, recalcou, a Xunta leva anos facendo un importante esforzo para apoiar aos consistorios neste cometido.

Nesa liña, José González referiuse ao convenio de protección das aldeas subscrito en 2018 entre a Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, ao abeiro do que se despregou -entre outras- a plataforma Xesbío, desenvolvida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Na parroquia compostelá de Figueiras, a onde se desprazou para comprobar in situ o funcionamento deste instrumento tecnolóxico, lembrou que esta iniciativa permite aos concellos xestionar toda a tramitación administrativa da limpeza de franxas e comunicarse cos donos das fincas que están dentro desas faixas.

Deste xeito, esta ferramenta permite xestionar e elaborar diferentes tipos de notificacións que os concellos lles envían aos titulares de parcelas nestas franxas e ofrece tamén a posibilidade de xerar un documento de adhesión dos particulares ao contrato de xestión da biomasa. Grazas a este sistema de información creado ex profeso para este fin pola Xunta, facilítaselles aos gobernos locais a execución das súas competencias neste ámbito, algo co que se comprometera a Xunta ao abeiro do acordo. Cabe engadir que esta aplicación se complementa cunha ferramenta móbil que facilita

a consulta da base de datos para o apoio ás tarefas a realizar sobre o terreo, no relativo ao control das actuacións en campo que contempla o convenio.

José González tamén se quixo referir aos propietarios con terreos en parroquias priorizadas -un total de 157 parroquias en 81 concellos galegos, incluída a santiaguesa de Figueiras-, animándoos a incorporarse a este convenio asinando o correspondente contrato de xestión da biomasa. Así, dixo, será a Xunta a que se fará cargo da limpeza das súas parecelas, mentres os titulares das terras só terán que pagar 35 euros por cada mil metros cadrados (é dicir, 350 euros por hectárea), un prezo fixo axustado e vantaxoso con respecto aos prezos de mercado.

Anticipación aos incendios forestais

O conselleiro do Medio Rural lembrou que -a día de hoxe- xa hai 269 concellos galegos adheridos ao convenio de protección das aldeas (case o 86% dos municipios da nosa comunidade). No marco do acordo, a Xunta entregou xa 232 Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais e, ao longo deste ano, o obxectivo é completar a elaboración dos restantes ata chegar ao total de 269 concellos incorporados.

A maiores da aplicación Xesbío, José González recordou que estes municipios adheridos contan cun manual de uso para entender o funcionamento das distintas ferramentas que se lles facilitan. Así mesmo, os que teñen o seu Plan preventivo aprobado pola Xunta dispoñen tamén dun visor das franxas con última tecnoloxía do Goberno galego, no que se poden ver as parcelas que están nas faixas dos 50 metros máis próximos ás vivendas coa referencia catastral.

Para avanzar no obxectivo da anticipación aos incendios forestais, o titular de Medio Rural referiuse tamén á figura das iniciativas estratéxicas, que serán aqueles proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que, aínda que non cumpren os requisitos esixidos para converterse nunha aldea modelo por razóns que teñen que ver con elementos xeográficos, físicos ou técnicos, considérase de especial transcendencia a súa mobilización, co obxectivo prioritario de reducir o risco de lumes forestais.

Así mesmo, aludiu a que se ampliou de 5 a 10 hectáreas a superficie na que os concellos adheridos poden realizar execucións subsidiarias con cargo ao convenio e que os municipios tamén poden realizar, con cargo ao convenio, actuacións de xestión de biomasa nas vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano.

Todo isto, concluíu José González, son melloras pensadas para espallar cada vez máis o acordo, para lograr que cada vez máis consistorios se incorporen ao convenio de protección das aldeas coa finalidade de blindar o noso territorio fronte aos incendios forestais.