Incendios

Técnicos forestales avalían as zonas afectadas polos incendios en Ribas de Sil

A maior parte do terreo afectado ten un dano baixo, grazas á boa xestión do monte e á rápida actuación dos medios de extinción. Os incendios rexistrados nas parroquias de Ribas de Sil e Nogueira permanecen controlados nestes momentos, afectando respectivamente 1.580 e 140 hectáreas provisionais.

Óscar Gómez

Ourense | 10.09.2021 08:49

Técnicos forestales avalían as zonas afectadas polos incendios en Ribas de Sil | onda cero

Un grupo de técnicos do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, acompañados por persoal do distrito forestal VIII – Terra de Lemos, desprazáronse hoxe aos concellos lucenses de Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón para avaliar os danos causados polos incendios iniciados este domingo no primeiro dos municipios e para valorar as actuacións posteriores a levar a cabo.

Nesa liña, puideron comprobar que o solo sufriu un nivel de afección baixo, malia a orografía da zona e as longas pendentes existentes na zona. Así, en gran parte do terreo afectado comprobouse que a boa xestión do monte axudou a que ese dano fora menor. Nunha primeira avaliación preliminar, constatouse que o lume provocou o soflamado das copas das árbores, o que derivará na caída das follas que farán de barreira natural e protexerán o solo.

Na zona de monte raso constatouse unha superficie algo máis danada, que comprende entre un 5-10% da superficie total afectada, que precisaría algún tipo de actuación para rexenerar a zona e evitar posibles escorrentías. Neste senso, cabe lembrar que noutras ocasións anteriores, a Consellería do Medio Rural recorreu a técnicas como o mulching ou o helimulching e, precisamente, a Xunta está a avaliar a aplicación desta técnica nas áreas máis afectadas. Esta técnica permite crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente). Estes traballos lévanse a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé.

Por último, cabe sinalar que non hai conexión directa entre as zonas afectadas polo lume e os ríos existentes na zona, o Lor e o Sil. De feito, os técnicos observaron que no fondo das vagüadas existe unha barreira natural de vexetación que evitaría calquera arrastre de cinzas aos cauces dos ríos. Cómpre recordar que os referidos lumes forestais rexistrados en Ribas de Sil, iniciados nas parroquias de Ribas de Sil e Nogueira, permanecen controlados dende as 21,01 h. e as 21,02 h. de onte, respectivamente. Segundo as últimas medicións, o primeiro afecta unha superficie dunhas 1.580 hectáreas, tanto en Ribas de Sil como en Quiroga e A Pobra de Brollón, mentres o de Nogueira se sitúa nas 140 ha.

Así mesmo, cómpre engadir que para o control do meirande destes lumes se mobilizaron ata o de agora 15 técnicos, 49 axentes, 119 brigadas, 54 motobombas, 6 pas, 8 avións e 14 helicópteros, así como persoal e medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Mentres, en Nogueira, traballaron ata o momento 6 técnicos, 21 axentes, 46 brigadas, 29 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.