O SLG reclama axudas para paliar os danos da sarabiada na Ribeira Sacra
Ademais de destruír colleitas enteiras, as treboadas levaron por diante valados, socalcos e mesmo destruíron vides, estes danos supoñen a destrución da campaña da vendimia.
O Sindicato Labrego Galego reclama da Consellaría de Medio Rural que, con carácter de urxencia, realice unha avaliación dos danos sufridos pola sarabiada do 16 de xuño, que arrasaron unha das principais zonas produtoras de uva da denominación de orixe Ribeira Sacra, especialmente a parroquia de San Fiz e outras veciñas como Sabadelle, Belesar, San Vitorio ou Pesqueiras, nas subzonas de Chantada e Ribeiras de Miño; e que poña en marcha unha liña de axudas para paliar os danos e as perdas sufridas.
Ademais de destruír colleitas enteiras, temos constancias de que as treboadas levaron por diante valados, socalcos e mesmo destruíron vides. Estes danos, que supoñen a destrución da campaña que ía comezar na vindeira vendima e os ingresos de todo un ano, súmase ás perdas acumuladas debido ao estado de alarma e o peche da hostalería.
O primeiro que debería facer Medio Rural diante desta situación catastrófica, a través das oficinas agrarias comarcais con competencias nas zonas afectadas, é un rexistro dos labregos e labregas afectadas e da superficie real danada pola sarabia, ademais doutros danos colaterais en adegas e instalacións e outros cultivos e sectores agrogandeiros, informando con transparencia sobre a cuantificación dos estragos sufridos. De seguido, cos datos na man, Medio Rural debería crear dunha liña de axudas directas semellante á que se creou para apoiar aos viticultores e viticultoras da Ribeira Sacra afectadas pola sarabia en 2016. Agardemos que, nesta ocasión, a Xunta non nos veña coa escusa de que “todo o asegurable non é subvencionable”.