Cultura

Ruth Vidal gaña a XVII edición do Certame de Artes Plásticas da Deputación

A esta edición presentáronse 276 obras procedentes de 12 países.

Óscar Gómez

Ourense | 13.07.2023 08:03

Ruth Vidal gaña a XVII edición do Certame de Artes Plásticas da Deputación | onda cero

A arousá Ruth Vidal Suárez resultou gañadora da XVII edición do certame de artes plásticas da Deputación de Ourense para novos creadores coa súa obra “Lugar de lugares”, un traballo que mistura pintura e instalación e que reflexiona sobre a paisaxe, tanto natural como artificial. Ruth Vidal, que recibirá un premio de 5.000 euros, impúxose nunha edición á que se presentaron 276 obras procedentes de 12 países distintos.

Este carácter internacional do certame permitiu a presentación de traballos procedentes de Arxentina, Cuba, China, Colombia, Chipre, Francia, Italia, Kazajistán ou Suíza, ademais de gran parte da xeografía española. Os artistas deben ser menores de 35 anos.

O segundo premio do certame, dotado con 3.000 euros, foi para o madrileño Jorge Fernández Valdés, pola súa obra “Ensamble pictórico 8 sobre prisma de mármol negro”, que combina pintura e escultura; mentres que o terceiro premio, con 2.000 euros de dotación, recaeu en Nerea Cordeiro Cerviño, pola peza “Ciudades Telaraña”, un traballo onde combina o debuxo coa instalación adaptada ao espazo expositivo.

Verónica Vicente co vídeo “(Des)Vestirse” e Andrés Rivas Rodís coa pintura “El discurso del rostro” resultaron galardoados con dous accésits dotados con 1.000 euros cada un deles.

O xurado desta edición estivo integrado exclusivamente por profesionais do mundo das artes plásticas con Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); Juan Carlos Román, pintor, escultor e profesor da Facultade de Belas Artes da UVigo; Ángel Cerviño, pintor, crítico e comisario de exposicións; Eva Torres, directora dos espazos expositivos do Concello de Ourense e comisaria de exposicións; Rosendo Cid, artista, escritor e comisario de exposicións. Como secretario do xurado figurou o director do Marcos Valcárcel, Francisco González.

Ademais dos premiados, o xurado fixo una selección dun total de trinta obras entre as 276 presentadas para conformar una exposición, que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel a partires de mediados de setembro, data na que se fará entrega oficial dos premios.