Literatura

Roberto Fernández gañador do "XLI Blanco-Amor" de novela

O escritor afirmou que nesta historia fai “antropoloxía da enfermidade no rural, o peor que podía pasar nunha economía de subsistencia, xunto coa chegada dunha muller doutora con formación científica, unha excepción para a época”.

Óscar Gómez

Ourense | 03.05.2023 08:48

Roberto Fernández gañador do "XLI Blanco-Amor" de novela | onda cero

O Pazo Provincial acolleu a presentación da novela gañadora do XLI Premio Blanco-Amor, "A inmoral doutora Cons", escrita polo médico ourensán Roberto Fernández. No acto participou o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, acompañado polo director de Aira Editorial, César Lorenzo; o propio autor da obra; e Luis González-Tosar en representación da Fundación Blanco-Amor e o xurado do galardón.

Roberto Fernández, “moi satisfeito coa publicación e o traballo man con man do editor”, anunciou a cesión dos dereitos de autor ás iniciativas solidarias que desenvolve á Sociedade Española de Medicina General (SEMG) en Managua (Nicaragua) e Tinduf (Alxeria).

A novela gañadora, explicou, baséase nos tres dos fíos que, ao seu xuízo, “trenzan a historia da humanidade: amor, morte e violencia, aos que lle engadín a antropoloxía da enfermidade no rural, o peor que podía pasar nunha economía de subsistencia, xunto coa chegada dunha muller doutora con formación científica, unha excepción para a época”.

Desvelou tamén os ingredientes que entende básicos para os seus relatos: a acción, os diálogos, o humor e a digresión o introdución de asuntos que non teñen aparente relación relato, neste caso a sanidade no rural. Pola súa banda, César Lorenzo subliñou o labor da fundación e da Deputación “mantendo e reforzando o premio máis veterano e de maior prestixio das letras galegas”, animando aos novelistas a presentarse a este galardón. Agradeceu ademais ao autor da novela a elección dunha editorial “que con cinco anos de actividade non tivera ata agora o orgullo de publicar o premio Blanco-Amor”.

O proxecto, engadiu Lorenzo, “é cen por cen ourensán, cun autor asentado en Ourense, unha novela ambientada en Pazos de Arenteiro, cunha editorial alaricana e o río Arnoia na portada”. Definiu ao escritor como “unha nova voz no literario, conxugando madurez, experiencia e o coñecemento da literatura actual”, destacando da novela “a inmensa galería de personaxes, onde case todo parece unha fábula”.

Elección de editores e renovación do xurado en cada convocatoria

Luis González-Tosar destacou entre tanto a difícil elección da obra gañadora “entre os 25 orixinais presentados, dada a alta calidade de todos os traballos”. Cualificou a novela de Roberto Fernández como “continuadora no tempo dos escritores premiados co Blanco-Amor, que amosan unha colleita moi boa desde que se fixo cargo deste premio a Deputación”. Para González-Tosar, ao prestixio do propio galardón únense outros matices importantes, “xa que non hai imposicións de editor, que escollen os gañadores, e os membros do xurado mudan ano tras ano”.

A chegada da ciencia médica ao rural de mediados de século

Roberto Fernández, médico de Atención Primaria en Allariz, constrúe en “A inmoral doutora Cons”, unha historia na que un narrador testemuña, Nonato González “Golpe”, lembra os acontecementos vividos na súa adolescencia arredor da chegada ao pobo da doutora África Cons del Valle. O xurado do certame destacou a “habilidade do autor para reconstruír un tempo pasado” -a década dos 50 do século XX- e “o retrato certeiro do rural galego fronte á perspectiva dunha médica que chega de fóra e que loita con valentía para desbotar prexuízos instalados naquela sociedade, principalmente no eido sanitario”.