"Queremos todos os dereitos e querémolos xa" lema do BNG para celebrar o 8M
A formación nacionalista presentou a campaña coa que pretenden sensibilizar e mobilizar á cidadanía de cara a este importante día de reivindicación
Para Noa Presas co lema da campaña "o que queremos é animar á sociedade ourensá a mobilizarse e sair de novo ás rúas este 8M para secundar a axenda do movemento feminista da cidade e da contorna". Presas aludiu a un feito que non é menor como que "hai xa cinco anos que o feminismo galego comezou un ciclo mobilizador moi potente con diversas folgas feministas e unha axenda moi intensa, con debates e victorias tan importantes como a sala de partos de Verín".
Pero para as nacionalistas cómpre facer igualmente unha reflexión que segundo a deputada Noa Presas "non debemos pasar e é que a pandemia da COVID-19 amosou que a desigualdade das mulleres segue a ser unha realidade viva", e engade, "vimos nesta pandemia como as profesións máis precarizadas son as que conteñen a vida, traballadoras das residencias, as traballadoras do servizo de axuda no fogar, as da sanidade, etc, e vimos como a normalización da pandemia non conlevou un recoñecemento de dereitos destas traballadoras".
As condicións de vida das mulleres, as que máis sofren, sobor de todo nestes momentos de crise económica tampouco atoparon resposta por parte das institucións xa que a "a temporalidade aumenta máis no emprego feminino, a precariedade tamén e mesmo vemos situacións ilegais como é que exista fenda salarial entre homes e mulleres e a cal desde hai 15 anos supera os 1400 euros".
Entenden desde o BNG que neste 8M queda "todo por conquistar" polo que insisten na necesidade de sair ás rúas e reivindicar os dereitos das mulleres e exixir que as promesas feitas polas administracións ao longo dos últimos anos se materialicen dunha vez e deixen de ser "papel mollado".
Neste senso, Noa Presas enumerou as principais reivindicacións da formación nacionalista anunciando "o aumento da presión nas institucións para que se produzan eses cambios".