Ourense Cidade

O Psoe solicitará que Ourense se postule como capital europea da cultura

“Estamos ante unha oportunidade histórica para converter a nosa cidade nun referente cultural e turístico, sendo capaces de atraer inversións a nivel nacional e europeo” indicou a edil Cristina Cruz.

Óscar Gómez

Ourense | 24.11.2023 07:50

O Psoe solicitará que Ourense se postule como capital europea da cultura | onda cero

O grupo municipal socialista levará ao próximo pleno ordinario de decembro unha moción para que a cidade de Ourense se postule como candidata a ostentar a capitalidade europea da cultura no ano 2031. Tamén se socilicita instar ao Concello á posta en funcionamento do proxecto para que dita capitalidade recupere as actividades culturais nun espectro amplo do termo, mellore as infraestruturas termais e, en consecuencia, a calidade de vida da cidadanía.

“Ourense conta cun respaldo histórico máis aló das figuras intelectuais que viu nacer. A súa gastronomía e as súas paisaxes naturais e patrimoniais son particulares e especiais e veríanse potenciadas co impulso que outorga esta iniciativa”, indicou a concelleira do PSdeG Cristina Cruz.

Ademais, se reclama ao goberno municipal a creación dun padroado ou fundación que inclúa a entidades, grupos políticos, tecido asociativo e cultural que coordine e colabore en todo o proceso –dende a presentación da candidatura ata o ano 2031– e que sirva de nexo de unión co goberno central e coas institucións europeas.

Para poder participar nesta iniciativa, cada urbe debe presentar a súa candidatura cun proxecto que fomente a cultura, facendo a súa vez de eixe mobilizador para á cidadanía e promovendo o intercambio con outras cidades. Unha vez articulado o plan a abordar –durante os vindeiros seis anos– tería que ser exposto ante o Ministerio de Cultura para que, finalmente, decidan ao respecto da proposta, tal e como se explica no texto a aprobar.

É preciso formalizar a candidatura de xeito oficial antes do ano 2025 e tendo en conta que competimos, polo de agora, con: Las Palmas de Gran Canaria, Granada, Burgos, Toledo, Gijón e Jerez de la Frontera. Mesmo poderiamos tender pontes coas nosas adversarias seguindo os camiños que no pasado percorreron os escritores e escritoras, artistas, científicos ou historiadores e historiadoras que deixaron a súa pegada no noso país e noutros de Europa e América.

“Estamos ante unha oportunidade histórica para converter a nosa cidade nun referente cultural e turístico, sendo capaces de atraer inversións a nivel nacional e europeo”, rematou expoñendo Cristina Cruz.