O Psoe presenta unha batería de propostas para os actos do 25N
“Mentres todas as cidades e vilas galegas saíron á rúa o pasado mes de setembro en repulsa contra o primeiro asasinato machista deste ano en Galicia, o Concello ourensán estivo desaparecido en combate”
O PSdeG-PSOE vén de adiantar unha batería de propostas que levará ao Consello Municipal da Igualdade para a programación de actos do vindeiro 25N –data na que se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres–, ao tempo que esixe que o Concello de Ourense “deixe de pórse de perfil e se implique activamente na loita contra a lacra machista”.
“Mentres todas as cidades e vilas galegas saíron á rúa o pasado mes de setembro en repulsa contra o primeiro asasinato machista deste ano en Galicia, o Concello ourensán estivo desaparecido en combate”, condenan os socialistas. Así as cousas, entre as iniciativas que defenderá a concelleira Concha García na reunión deste mércores están a posta en valor do Parque 25-N, a reactivación do rueiro das mulleres ou a realización dun mural de graffiti feminista.
Ademais, os socialistas reivindicarán que o Concello proceda á elaboración IV Plan para a Promoción da Equidade de Xénero 2021-2024, dado que o anterior expirou a finais de 2020 e “polo momento nada se sabe do novo, malia aprobarse, no pleno de novembro, unha moción a favor da súa redacción, presentación e aprobación”. “Tamén pediremos que se descentralice a concentración contra a violencia machista que ten lugar fronte ao Concello todos os primeiros luns de cada mes, de xeito que vaia rotando polos diferentes barrios da cidade”, concretou García, quen subliñou que “cómpre ampliar o radio, involucrar as zonas periféricas e desinstitucionalizar as mobilizacións para amplificar a mensaxe”.
Así mesmo, a concelleira destacou que a celebración deste 25N “cobra aínda maior relevancia” pola situación na que se atopa Ourense tralo desmantelamento das políticas de igualdade e dos servizos de atención á muller na cidade, ao tempo que contrastou e puxo en valor a achega de preto de 336.000 euros por parte do Goberno central para o cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en oito municipios da provincia.
“Trátase duns fondos que contribuirán á mellora dos servizos municipais, que permitirán financiar programas ata xuño de 2022, e que poñen de relevo que para o Goberno progresista de España, a erradicación da violencia machista é unha política de Estado absolutamente prioritaria”.