O Psoe pide rematar co bloqueo da rehabilitación da praza de abastos
Carmen Rodríguez Dacosta defenderá na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei que persegue instar á Xunta a que adopte todas as medidas oportunas orzamentarias e de desbloqueo urxente do proxecto.
A reforma da Praza de Abastos número 1 leva anos sendo parte fundamental e estratéxica do proxecto de cidade que as e os socialistas plantexan para Ourense. “Durante os últimos 5 anos de mandato de Gonzalo Pérez Jácome o certo é que, todo o que ten que ver con esta parte do corazón da cidade, atópase totalmente paralizado”, manifesta a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González Benéitez.
Neste senso, lembra que a pesares da subvención acadada polo bipartito para a reforma integral do edificio e a contorna queda moito pendente por facer. E sinala que tanto o executivo local como o autonómico deben evitar que a situación actual se enquiste.
“O sector do comercio en Ourense atópase en caída libre. No ano 2023 déronse de baixa case 300 autónomos, dos cales a metade pertencía a este sector. Neste contexto, a Praza de Abastos número 1 permanece pechada ante a inoperancia do equipo de goberno”, pon de relieve a deputada no Parlamento de Galicia pola provincia, Carmen Rodríguez Dacosta.
Así mesmo, sinala que o conselleiro responsable desta carteira, José González Vázquez, realizou hai pouco “un anuncio grandilocuente de que ía arranxar a situación”. “As e os socialistas temos a fórmula para que se desbloquee. E é que nos orzamentos da Xunta de Galicia do vindeiro ano se consigne unha partida orzamentaria suficiente para rematar o proxecto de rehabilitación da praza, o rianxo e a construción da piscina termal nos baixos do edificio”, explica sobre a iniciativa que defenderá na Cámara Autonómica.
Así as cousas, dende o PSdeG entenden que é o momento de unir forzas e da colaboración institucional. “Temos que loitar todas e todos por que este proxecto saia adiante dende as distintas administracións”, puntualiza a portavoz do partido na Corporación municipal.
Por todo o enumerado, o xoves a deputada defenderá na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei que persegue instar á Xunta a que adopte todas as medidas oportunas orzamentarias e de desbloqueo urxente do proxecto estratéxico de Rehabilitación Integral da Praza de Abastos núm. 1 e a súa contorna, presentando no Parlamento no prazo de tres meses un plan funcional para a futura distribución comercial.