O Psoe inicia unha ronda de visitas aos polígonos empresariais para coñecer as suas demandas
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense defenden “impulsar un novo proxecto económico e social de provincia”, que permita ordenar este territorio industrial e comercial para facelo máis atractivo e produtivo.
O PSdeG-PSOE iniciou unha ronda de visitas aos polígonos empresariais, comerciais e tecnolóxicos do cinto industrial da cidade de Ourense, onde están asentadas, segundo datos do propio sector, unhas 700 empresas nas que traballan 13.000 persoas, co fin coñecer o presente e o futuro das necesidades destes espazos laborais, que son, na opinión dos e das socialistas, “puntos nucleares e estruturantes” para as economías ourensá e galega.
O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE e candidato á alcaldía de San Cibrao das Viñas nas eleccións locais do mes de maio, Rafa Villarino; o secretario provincial de Industria e Desenvolvemento, Darío Barrios; e o secretario provincial de Relacións Internacionais, David Alvarado, estiveron hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia, coñecendo a situación das empresas alí asentadas, un espazo que definen como “clave para a dinamización das nosas economías a través da innovación e o desenvolvemento”.
Os e as socialistas ourensáns amosan “especial preocupación” polas necesidades dos empresarios e empresarias do cinto industrial da capital no ámbito das infraestruturas e as comunicacións; na oferta de espazos e oficinas adaptados ás necesidades reais das sociedades con interese en asentarse ou crecer na provincia, así como na captación de novos proxectos e investimentos tractores neste sector.
Tamén insisten na necesidade de artellar un novo sistema de coordinación, no que as administracións públicas, a través dunha oficina específica destinada soamente para este fin, centralicen a información, as convocatorias e os trámites necesarios para a captación da inxente cantidade de fondos públicos da Unión Europea, que actualmente están aprobados ou que serán aprobados proximamente par sector empresarial.
En resumidas contas, desde o PSdeG-PSOE de Ourense defenden “impulsar un novo proxecto económico e social de provincia”, que, atendendo concretamente ao cinto industrial, permita ordenar este territorio para facelo máis atractivo e produtivo e, sobre todo, para dotalo “dun presente reforzado e dun futuro sólido nun marco económico internacional cada vez máis competitivo”.
“Os e as socialistas queremos que a nosa provincia e o conxunto de Galicia estean aliñados cos obxectivos globais de desenvolvemento sostible para a modernización da economía, a recuperación do crecemento económico e a creación de emprego de calidade”, conclúen.