O Psoe esixe información a veciñanza da construción dun Tanarorio na contorna da Chavasqueira
Os socialistas piden que se busque unha solución alternativa de “consenso” e de acordo coa “legalidade” e demanda coñecer “todas as xestións levadas a cabo ao respecto polo PP nestes últimos 7 anos”
O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao goberno municipal do Partido Popular e Democracia Ourensana a convocatoria dunha xuntanza “urxente” para informar á oposición e a veciñanza sobre a posible construción dun tanatorio na contorna da zona termal da Chavasqueira. Os socialistas piden que se busque unha solución alternativa de “consenso” e de acordo coa legalidade e tamén requiren explicacións públicas da xestión urbanística do Partido Popular nestes últimos 7 anos, co fin de “evitar o actual problema derivado da mala xestión urbanística da cidade herdada da época de Manuel Cabezas e coa que seguimos a convivir na actualidade, ante a incapacidade de sacar adiante o novo Plan Xeral de Ordenación Urbana para Ourense e que este sexa legal, sostible e de futuro”.
Dende o Grupo Municipal Socialista demandan coñecer “todas as xestións levadas a cabo nos últimos 7 anos de goberno do PP, con respecto a localización desta nova dotación na cidade e as posibles alternativas que se puxeron por riba da mesa durante este tempo”. Os socialistas lembran que no PXOM de 2003, que se veu abaixo polo “cambiazo” de planos, a parcela sita no entorno da Chavasqueira, a carón do cemiterio das Caldas, “permitía o uso funerario (tanatorio e crematorio) cunha edificabilidade concreta importante”. Foi no ano 2010 cando os seus propietarios presentaron proxecto e licenza contando con todos os informes favorables e paralizouse precisamente a tramitación pola anulación definitiva do plan xeral de 2003.
O anterior goberno municipal do PSdeG-PSOE de Ourense consideraba que a proposta tiña varios inconvenientes, entre os que destacaba “o tráfico que se xeraría nesta contorna, a difícil accesibilidade e tamén a non adecuación ao futuro desenvolvemento urbano e termal da área da Chavasqueira”. Os socialistas chegaron a propoñer outra localización na zona do Couto- Vistahermosa e daquelas o propio PP “manifestaba tamén que o máis axeitado era situar un equipamento sanatorio-crematorio nas inmediacións de Santa Mariña do Monte, namentres o BNG se opuña a construción do recinto funerario na Chavasqueira e na zona do Couto-Vistahermosa”.
A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Beneitez, apunta a que no PXOM, aprobado inicialmente polo anterior goberno de PSOE e BNG, “non se permitía a súa execución neste ámbito concreto da Chavasqueira”. A vicevoceira socialista destaca que “con esta aprobación inicial do PXOM, quedaron suspendidas as licenzas nos 2 anos posteriores, ata o remate de mandato en 2015, de aí que non se executara o proxecto”. A secretaria local dos socialistas ourensáns explica tamén que no PXOU de 1986, actualmente vixente pola parálise na tramitación e aprobación definitiva do novo plan xeral, “segue autorizado o uso funerario coma tanatorio da parcela, e ao non existir avances na tramitación do novo, a licenza se conta con todos os informes favorables e nada o impide, sairá adiante e procederase á súa construción inmediata”.
González Beneitez tamén fai fincapé en que “somos coñecedores de que a actual licenza foi solicitada en xaneiro de 2019, fai tres anos xa, sen que dende o goberno municipal anterior, nin actual, dos que foron responsables en materia de urbanismo José Cudeiro, Sonia Ogando e Gonzalo Pérez Jácome, se dera conta nin á oposición nin tampouco á veciñanza”. A edil socialista relata que ata o momento “descoñecemos se se puxeron sobre a mesa outras alternativas para evitar este problema, dado non só o rexeitamento histórico dos nosos grupos políticos, senón tamén dos propios veciños e veciñas da Chavasqueira”.