O Psoe esixe a dimisión de Jácome ante a investigación da fiscalía
Denuncian que o alcalde tomou a decisión de baixar os bolardos “de forma arbitraria” e sen dispor dun sistema de control de acceso alternativo, cun “grave prexuízo” para comerciantes e veciñanza
O PSdeG-PSOE esixe a dimisión inmediata do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ante a apertura dunha investigación da Fiscalía de Ourense por posibles delitos de prevaricación e malversación na retirada dos bolardos do casco histórico.
“Cando o alcalde afirmou hai un ano que era un día histórico e fixo aquela famosa performance, sabíase que era unha decisión arbitraria e caprichosa de Jácome, e que non había expedientes nin informes que a avalaran, o cal nos pareceu moi grave e saímos para manifestalo”, afirmou a vicevoceira do grupo socialista, Natalia González.
Así, González condenou que o alcalde tomara esa resolución sabendo o “grave prexuízo” que ocasionaría e sen dispor dun método de control alternativo para o acceso á zona histórica da cidade, como un sistema de videovixilancia. A socialista puxo de manifesto que esta decisión repercutiu negativamente na veciñanza, nos comerciantes e no casco vello da cidade, que “desde hai un ano parece un circuíto de automobilismo”.
González anunciou que o grupo municipal socialista esixirá explicacións públicas por parte do alcalde, e neste sentido xa adiantou que pedirán copias dos escritos de dilixencias previas, das respostas remitidas pola Alcaldía, de todos os informes emitidos pola Policía Local desde o inicio do procedemento e da resolución da Alcaldía pola cal se procedeu a deixar sen efecto o sistema de bolardos en febreiro de 2020. “Sabemos que desde a Policía Local asumiron a decisión de controlar o acceso e estacionamento de vehículos no casco histórico, pero tamén que manifestaron a súa desconformidade ao respecto”.
Ademais, a vicevoceira socialista manifestou que, na última Xunta de Área de Urbanismo, o alcalde chegou a dicir que, despois dun ano nesta situación, “estaba pensando en incluír nos pregos de licitación de semáforos esas cámaras de vixilancia, pero que aínda non o sabía”.
Neste sentido, González censurou que o alcalde trate o Concello como se fora “un negocio” e lembrou que hai un ano cogobernaban co PP. “Eles decidiron poñerse de perfil ante esta situación, sabendo que o procedemento non era correcto e que actuaban en prexuízo da cidadanía, polo que lle esiximos que dean unha explicación”.
Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal socialista, Rafa Villarino, pediu a dimisión inmediata do alcalde por un suposto delito de prevaricación, “que non é nin máis nin menos que actuar mal a sabendas”, detallou. “El tería pedido a nosa dimisión por ben menos”, afirmou Villarino.
“Jácome fixo a súa performance e coa chapa de sheriff da cidade, e dixo: pasen, está todo libre”, relatou Villarino, quen asegurou que os socialistas van pedir toda a información necesaria e sinalou que “non nos vai servir a resposta que Jácome deu a un medio de comunicación da cidade cando o xornalista preguntou o porqué estaba alí e respondeu que por nada importante”. Neste sentido, Villarino manifestou que “unha persoa que actúa á marxe da lei non pode ser alcalde”.
Ademais, o socialista acusou ao PP de ser “corresponsable” da actuación de Jácome e preguntouse por que non respondeu a Asesoría Xurídica ao requirimento de información da Fiscalía, como é o procedemento habitual: “quizais a resposta sería favorable a quen estaba facendo a pregunta e non había motivos para xustificar a actuación?”, inquiriu.
“Nós pedímoslle a Jácome que dimita, ao PP que recoñeza a situación, e que todos xuntos demos un cambio a esta cidade, que ben o precisa”, continuou. “Esperemos que a xustiza actúe o antes posible e poidamos pór fin a esta lacra no Concello” concluíu