O Psoe destapa unha fortografía de Baltar no coche oficial multado con 1500€
Villarino denunciou a existencia dunha “gran trama familiar” dos Baltar, co único fin de “esquilmar” a provincia mediante “practicas corruptas, caciquís e incluso mafiosas”.
O PSdeG-PSOE vén de destapar unha fotografía do momento exacto no que un coche oficial da Deputación de Ourense foi multado con 1.500 euros por ir 157 km/h nunha zona limitada a 90, na que se aprecia a Manuel Baltar no interior do vehículo, tras asegurar o propio presidente que fora “imposible identificar” aos ocupantes.
O Volkswagen Passat que conduce Baltar acumula, polo menos, dez multas por exceso de velocidade
Os e as socialistas cualifican estes feitos como “moi graves e esclarecedores”, xa que “evidencian” a “espiral de mentiras” na que está inmerso o presidente “con tal de tratar de salvarse”, agora que o propio PP “está a deixalo caer”. Tamén resaltan que, tras destapar esta burda mentira, estudan a posibilidade de ampliar a denuncia presentada nos xulgados da terceira cidade de Galicia a pasada semana, xa que se “albisca” un suposto delito de falsidade documental.
Baltar asegurara no anterior pleno extraordinario, amparándose nun suposto informe do responsable do parque móbil, que fora “imposible” determinar quen ocupaba ese coche oficial aquel día de 2021, a pesar de estar el no vehículo. En concreto trátase da sanción imposta na N-120, nas proximidades de Monforte de Lemos, cando o turismo foi fotografado por un radar circulando a 157 km/h nunha vía cuxa máxima velocidade é de 90. A Dirección Xeral de Tráfico solicitou a identificación do condutor á Deputación, mais o goberno do PP non atendeu eses requirimentos, polo que a infracción pasou de 500 a 1500 euros.
O Volkswagen Passat que conduce Baltar acumula, polo menos, dez multas por exceso de velocidade, sendo a máis grave das coñecidas ata o de agora, a imposta por circular a 215 km/h na autovía A-52 na provincia de Zamora, o que supuxo a comisión, por parte do presidente, dun delito pendente de xuízo.
“Trama familiar” para “esquilmar” a provincia
O voceiro do PSOE, Rafa Villarino, denunciou a existencia dunha “gran trama familiar” dos Baltar, co único fin de “esquilmar” a provincia, mediante “practicas corruptas, caciquís e mafiosas desde a Deputación”. Foi durante un pleno extraordinario celebrado na Deputación a instancias dos e das socialistas, logo da difusión de audios de Whatsapp por un diario dixital, nos que José Luis Baltar Blanco relata mordidas, comisións ou prácticas de financiamento ilegal que salpican ao actual presidente, sesión na que tamén evidenciaron a nova mentira de Manuel Baltar coas súa temerarias prácticas nos coches oficiais.
Na proposta de resolución instaban ao presidente ourensá a explicar a “inxente cantidade de prácticas ilegais detalladas por José Luis Baltar nas que participa e das que se benefician directamente el, os seus familiares, alcaldes e alcaldesas do Partido Popular, así como empresas”. Ante os graves feitos relatados, tamén lle esixían que “deixe o cargo de inmediato e que se desculpe publicamente ante a cidadanía”, pero o presidente non dixo nada