O Psoe amosase 'satisfeitos' dos logros acadados durante o primer ano de lexislatura
Grazas a un inxente traballo de oposición, cun PP sen maioría absoluta, o voceiro socialista afirma que foron quen de “fixar as prioridades e condicionar políticas determinantes para a provincia”.
O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE pasou revista deste primeiro ano de mandato na Deputación de Ourense, amosándose “satisfeito” e destacando “os logros” acadados durante este período “grazas ao traballo das e dos deputados socialistas”. Para o voceiro socialista, Álvaro Vila, “os comicios de 28 de maio de 2023 sancionan unha nova realidade na Deputación, da que o PSdeG-PSOE é moi consciente, non contando o PP con maioría absoluta e, polo tanto, abríndose grandes oportunidades para a mellora das condicións dos concellos e da veciñanza da provincial”. Neste senso, proseguiu Vila, “fomos quen de marcar o ritmo da Deputación, fixando prioridades e condicionando na medida do posible políticas determinantes para o presente e futuro da nosa provincia”.
Malia o descenso da representación, pasando os socialistas de nove a sete deputados provinciais, o grupo do partido da rosa na Deputación aumentou a súa presenza nas comisións informativas, pasando de tres a catro membros, e “aumentando a cadencia de acción a todos os niveis”. Vila, que durante a rolda de prensa estivo acompañado das deputadas e deputados da súa formación, evocou a multiplicación de rogos, preguntas e demandas de información, conformándose como grupo máis activo en canto a mocións presentadas a Pleno, cun total de 17, duplicando mesmo as iniciativas do PP. Amais, Vila destacou como, a través de intensas negociacións sobre a base de propostas socialistas, conseguiron darlle a volta a situacións perniciosas para Ourense.
O logro do Plan Único de financiamento
Vila fixo especial fincapé no “logro” do Plan Único de financiamento, “que arrincamos do PP, pasando páxina de décadas dun sistema que privilexiaba a uns determinados concellos amigos en detrimento de outros, que eran doutra cor política”. “Desde o mesmo momento da toma de posesión, durante o mes de agosto de 2023, puxémonos a traballar nunha proposta de financiamento para os concellos baseada en criterios obxectivos, xustos e equitativos, que foi presentada ao grupo de goberno do PP a comezos de setembro do pasado ano”, explicou o voceiro socialista.
“A nosa proposta aspiraba á mobilización do 22% do orzamento da Deputación para distribuír equitativamente entre concellos, representado arredor de 20 millóns de euros, fronte aos 12 millóns de euros cos que o PP arrancou a negociación”, desvelou Vila. Segundo este, “contemplabamos unha cantidade fixa por concello, de 100.000€, e un variable sobre criterios obxectivos como demografía, núcleos de poboación, superficie e índice de envellecemento”. Finalmente, acadouse un compromiso por un monto inicial de 20 millóns de euros: 17 millóns de partida e tres máis vía modificación orzamentaria.
“O obxectivo de lexislatura era chegar aos 23 millóns de euros, que obtivemos xa en abril, condicionando a nosa abstención á mobilización de recursos adicionais no marco do Plan CoperOu”, engadiu este. “Este novo plan de financiamento representa un antes e un despois para os concellos, acadando que todos os municipios dispoñan de fondos para desenvolver a súa actividade, independentemente de quen goberne”, dixo Vila.
Para este, “antes os plans provinciais repartían 77.000€ por concello, quedando o groso de financiación supeditada ao prace do presidente da Deputación vía subvencións nominativas que rara vez chegaban a concellos non gobernados polo PP”. Concellos socialistas como Entrimo, Amoeiro, Verín, Taboadela, Ramirás, Melón, Maside, Castro Caldelas, Carballeda de Avia, Calvos de Randín e Barbadás non recibían un só euro na modificación de crédito de febreiro de 2023.