O Psoe alerta de que o Auditorio será o único teatro galego en carecer de programación
Os socialistas anuncian que levarán unha moción ao pleno para instar ao alcalde a evitar esta situación, e pídenlle que deixe de pór a Covid como escusa posto que “o único virus da cultura é Jácome”
O PSdeG-PSOE alerta de que o Auditorio Municipal de Ourense será o único teatro galego en carecer de programación cultural durante os vindeiros seis meses pola negativa do “microgoberno” de Jácome a asinar o convenio de colaboración coa AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais). Así as cousas, os socialistas anuncian que levarán unha moción ao pleno de marzo para instar ao Concello a renovar un convenio que permitiría a representación dun total de 21 obras teatrais e espectáculos musicais para cativos e adultos, evitando así que a cidade das Burgas quede fóra da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
“O alcalde pon a escusa da Covid para non renovar o convenio, mentres as restantes cidades galegas continúan desenvolvendo a súa programación e respectando todos os protocolos e medidas de seguridade, malia dispoñer dun aforo menor que o do Auditorio de Ourense”, detallou o concelleiro Xosé Rúas, quen engadiu que “en Ourense o único virus que sufrimos coa cultura, inoculado no Concello polo Partido Popular, é Gonzalo Pérez Jácome”.
Os socialistas consideran “inadmisible” que o alcalde renuncie a recibir as cantidades previstas no convenio de colaboración coa AGADIC —52.582 euros, dos cales o ente autonómico achega 26.372 euros, equivalentes ao 40% do total— e lamentan que unhas instalacións “de referencia” a nivel nacional, recoñecidas pola súa calidade técnica, equipamentos e prestacións, permanezan pechadas.
Deste xeito, desde o grupo municipal socialista alertan de que Ourense deixará de ser a terceira cidade galega en oferta teatral en espazos municipais para pasar a ser última, pois só contará coa programación prevista polo Teatro Principal. “Ourense merece algo máis que o espectáculo que leva representando o alcalde desde o inicio do seu mandato”, concluíu Rúas.
Pola súa banda, o voceiro socialista no Concello, Rafa Villarino, valorou que “onde nós vemos un auditorio, Jácome ve un edificio de oficinas para quitarlle rendibilidade económica”. Así, Villarino asegurou que “a cultura de Ourense está no éxodo” e subliñou que “o Concello é un cero á esquerda en cultura, igual que non representa nada o seu alcalde”.