O Psoe alerta da bancarrota do Concello de Ourense pola xestión de Jácome
Advirten que hai obras en marcha na cidade que “non se van poder pagar posto que non hai diñeiro consignado” e critican que se estean a anunciar para vender fume electoral.
O PSdeG-PSOE alerta de que o Concello de Ourense podería estar abocado á bancarrota pola xestión irregular do alcalde Jácome e o despilfarro de cartos públicos en obras irrealizables e inviables. Así o manifestaron os socialistas da cidade nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que apuntaron á obra da rúa Concordia como o epicentro do despilfarro do alcalde e o principal expoñente de tres anos e medio de mandato marcados polo “escurantismo, a falta de modelo de cidade e as malas praxes na xestión pública”.
o orixinal era unha chapuza
“Esta obra é o fiel reflexo do mandato de Jácome”, asegurou a voceira do grupo socialista, Natalia González, quen sinalou que a instalación das ramplas mecánicas na rúa onde o alcalde ten o seu negocio supón “soterrar cinco millóns de euros nun equipamento que non sabemos se imos poder manter” e representa a perfecta alegoría da “caída en picado” e o “descenso directo á bancarrota” ao que se encamiña o Concello de Ourense en mans do alcalde Jácome.
“Ademais do elevado custo inicialmente previsto para esta obra, fíxose un modificado de proxecto á marxe do proceso de contratación que puxo en evidencia que o orixinal era unha chapuza, posto que se obviaron cuestións básicas como a instalación do colector de saneamento ou o acceso ás vivendas, e que temos constancia de que podería incrementar o gasto total nesta obra ata un 20 % do estimado, uns 700.000 euros”, salientou González.
Obras sen asignación económica
Así mesmo, a voceira do grupo socialista advertiu que hai obras en marcha na cidade que “non se van poder pagar posto que non hai diñeiro consignado” e criticou que se estean a anunciar proxectos coma os de Avilés de Taramancos ou Alameda do Cruceiro para vender “fume electoral”.
“Non se pode enganar á cidadanía mentres se están a baleirar as arcas municipais, se acometen praxes irregulares na contratación pública e se vulnera a transparencia, obstruíndo o labor de fiscalización da oposición”, alertou González, quen insistiu en que este neglixente xeito de actuar do goberno local podería conducir a que o próximo goberno municipal se atope cun Concello “en bancarrota e hipotecado”.
Neste sentido, dende o grupo socialista aseguran que o intento do alcalde de conveniar cun equipo de fútbol a través de fórmulas de cuestionable legalidade para executar a toda costa o seu plan de obras é outro exemplo da “clara falta de capacidade de xestión e bo goberno que cabe esperar dun representante público”.