Cooperación

Proxecto de turismo industrial co Clúster da Lousa

A Deputación e o Clúster da Lousa promoverán un innovador proxecto de turismo industrial nas explotacións de Valdeorras.

O presidente provincial, Manuel Baltar, e o presidente do clúster, Víctor Cobo, acordaron nunha reunión celebrada no Pazo Provincial a sinatura de dous convenios para impulsar o plan turístico relacionado coa minaría da comarca e para colaborar nas actividades que realice este ano a entidade.

Óscar Gómez

Ourense | 26.01.2022 08:14

Proxecto de turismo industrial co Clúster da Lousa | onda cero

A Deputación de Ourense e o Clúster da Lousa de Galicia promoverán un innovador proxecto de turismo industrial nas explotacións da comarca de Valdeorras, onde a minaría ten unha forte pegada desde hai séculos e supón un sector clave tanto na economía ourensá como na galega. Así o anunciou o presidente provincial, Manuel Baltar, tralo encontro que mantivo hoxe co presidente do Clúster da Lousa, Víctor Cobo, e no que tamén participaron a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González, e o xerente da entidade, Severino González.

A colaboración para desenvolver este proxecto de turismo industrial quedará reflectido nun convenio polo que a Deputación achegará ao Clúster unha axuda de 30.000 euros. Ademais, a institución provincial tamén asinará un segundo acordo para cooperar no financiamento das actividades que realice este ano a entidade.

Trala reunión celebrada no Pazo Provincial, Manuel Baltar expresou a súa satisfacción por “renovar a estreita colaboración que mantemos co sector da lousa, tan importante para a nosa economía, e nomeadamente nun proxecto turístico no que a provincia ten moito que dicir, en particular no referido ás explotacións mineiras de Valdeorras”. Baltar avanzou unha próxima visita para profundizar sobre o terreo no potencial que ten esta zona en turismo industrial.

O Clúster da Lousa agradece a “receptividade” da Deputación

En nome do Clúster da Lousa, Víctor Cobo agradeceu a disposición do presidente da Deputación “a seguir colaborando co sector”. Un aspecto no que insistiu Severino González: “Esta é unha institución que sempre mostrou a súa receptividade ás nosas propostas, e os resultados das accións que levamos a cabo están ahí. Ogallá esta receptividade da Deputación de Ourense a atopáramos noutros organismos. Nesta institución provincial é unha marabilla”.

A rexedora de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González, dirixiuse a Manuel Baltar para asegurar que con este acordo, o presidente provincial “demostra unha vez máis que Valdeorras importa moito na provincia. Él sempre aposta con xenerosidade por un sector vital para nós, e agora por un turismo que nos diferencia”.