No marco deste plan e durante o período 2023-2024, o espazo ourensán ten previsto formular unha proposta que inclúe ata nove espectáculos: 4 de teatro; 2 de danza; outros tantos de artes escénicas para a infancia e a mocidade; e un de circo. O caché máximo de cada unha destas actividades será de 14.000 euros, cantidade aprobada na presente convocatoria para o Teatro Principal ao superar na edición 2022-2023 o 30 % de autofinanciamento.
Desde a primeira convocatoria, en 2014, a Deputación de Ourense solicitou a inclusión do Teatro Principal nun plan que permite o acceso a axudas económicas para fortalecer a programación anual do recinto.
Promovido polo Ministerio de Cultura a través do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (Inaem), o programa Platea conta coa colaboración da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), tendo como principal obxectivo facilitar o acceso da cidadanía a unha oferta cultural máis ampla e de calidade.