Ourense Cidade

Portovello obtén o primeiro premio no Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera

Os 8 finalistas cociñaron os seus pinchos na gran final no Centro comercial Pontevella, diante do xurado e do público. La Zapatería del abuelo obtivo o premio do público por “Ouren-Masala”.

Óscar Gómez

Ourense | 09.05.2023 07:41

Portovello obtén o primeiro premio no Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera | onda cero

Portovello é o gañador do premio do xurado profesional do VII Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera, organizado polo Concello de Ourense e desenvolvido pola Unión de Hostaleiros de Ourense. Esta tarde, no centro comercial Pontevella, tivo lugar a final, na que os 8 finalistas cociñaron as súas propostas diante do xurado profesional e do público.

O xurado estivo composto por Iñaki Bretal (restaurante O Eirado da Leña, Pontevedra, 1 estrela Michelín e membro do Grupo Nove), Antonio Botana (restaurante Ramonita, Ribadeo, e membro do Grupo Nove), e Rut Nieves Fernández, profesora técnica de servizos en restauración da Escola de Hostelería de Vilamarín.

O xurado votou as propostas dos establecementos finalistas: Portovello, La Estación de Loman, Restaurante Candem, Asador A Feira, La zapatería del abuelo, Fuentefría, Bágoa Gastrobar e Taberna de Perico. Logo da súa deliberación, concedeu os seguintes premios:

1º Premio: Portovello, polo seu pincho “A terma”

2º Premio: Fuentefría, polo seu pincho “Fume do mar”

3º Premio: Bágoa Gastrobar, polo pincho "Entre foliada e foliada"

Premio celíaco: Portovello, A terma

Accésit ao pincho máis creativo: Portovello

Premio do público: La Zapatería del abuelo, por “Ouren-Masala”

Os premios do concurso entregaranse mañá, martes, no salón de plenos do Concello.

O VII Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera desenvolveuse do 21 de abril ao 1 de maio, contando coa participación de 50 establecementos ourensáns