Pontón: “O voto ao BNG vale dobre, defende Galiza en Madrid e resta escanos a Feijóo"
Ana Presas pide o voto para o Bloque a todas as persoas que queren máis para Ourense e facer historia coa primeira deputada coas mans libres.
“O voto ao BNG vale dobre porque defende Galiza en Madrid e resta escanos a Feijóo e aos seus amigos da extrema dereita, machista, racista, xenófoba e antigalega á que hai que pararlle os pes”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, no mitin que protagonizou en Allariz xunto á candidata por Ourense Noa Presas.
“Pídolle aos galegos e galegas que enchan as urnas de papeletas do Bloque este 23 de xullo, sabendo que non lles imos fallar e que cada escano máis para o BNG é un menos para o PP”, asegurou, apelando ao voto masivo en clave de País para acadar un grupo forte que fará valer Galiza en Madrid e será “un muro de contención contra a involución” que representa “esa parella de baile que forma Feijóo coa extrema dereita”.
Ainda que as forzas estatais pensen que “todo empeza e acaba no quilómetro cero en Madrid”, subliñou, “é o momento de Galiza”, que se xoga nestas eleccións “defender os seus intereses ou seguir soportando a discriminación do centralismo”.
“Temos que conformarnos cun cara a cara do bipartidismo viejuno porque PP e PSOE vetaron un debate para falar do País na TVG, en horario de máxima audiencia”, lamentou Pontón, para quen as forzas estatais “non se atreven a dar a cara” tras catro anos nos que “nada fixeron máis que discriminar Galiza”.
“Que van dicir? Que levan seis anos boicoteando a transferencia da AP-9? Que apoian o espolio eólico por terra e agora tamén por mar para que as eléctricas se sigan forrando? Que populares e socialistas votan unha cousa aquí e a contraria en Madrid?”, preguntouse.
A portavoz nacional pediu a mobilización dos cidadáns o 23X porque “hai que quitarlle escanos ao PP para darllos ao BNG”. “Empezando aquí en Ourense, con Noa Presas, onde lle estamos disputando un deputado a ese PP, pero tamén en Lugo, en Pontevedra e na Coruña”, dixo no mitin de Allariz.
Argumentou que Galiza sabe moi ben que sucede cando goberna o PP de Feijóo: “menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques á nosa lingua e a nosa cultura”, sintetizou. “E por riba, agora ábrelle a porta de par en par á extrema dereita que está en contra de Galiza, que quere acabar coas nosas institucións, que quere até prohibirnos falar galego”. “Non llo imos permitir!”, proclamou antes de facer un novo chamamento ao voto da ilusión e do orgullo galego. “Nada é imposible cando nos move a forza do amor a Galiza e cando nos poñemos a traballar todos a unha”, concluíu.
Facer historia coa primeira deputada por Ourense
A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, alertou contra a estratexia que pretende “vendernos estas eleccións como as do medo ou as do mal menor, mais a nosa historia colectiva é a da valentía e nestas eleccións a nosa bandeira vai ser a da valentía” reivindicou.
Presas chamou á veciñanza de Ourense a encher as urnas de votos do BNG para “facer historia e ter, por primeira vez, unha deputada coas mans libres para defender os intereses dos e das ourensás, para facer valer a Galiza do interior”, un reto que se mostrou convencida de lograr.
“As cousas parecen imposibles até que as facemos posibles. Por iso, este 23 de xullo non vale quedar na casa: hai que concentrar todo o voto de País, o voto feminista, o voto antifascista e o voto que sabe que Ourense merece máis, no BNG”, instou Presas, deixando claro que a única receita contra o abandono de Ourense “é votar BNG” na próxima cita coas urnas: “Pedímoslle á veciñanza de Ourense que confíe en nós porque non lles imos fallar”, concluíu.