Ourense Cidade

Pontón contrapón un modelo enerxético, baseadas na sustentabilidade

Propón un fondo para a conservación da natureza, dotado con 100M€,unha estratexia de estruturas verdes que acollan corredores ecolóxicos e a ampliación da Rede Natura para protexer o 20% do territorio galego

Óscar Gómez

Ourense | 24.05.2021 08:15

Pontón contrapón un modelo enerxético, baseadas na sustentabilidade | onda cero

No Día mundial da biodiversidade, na presentación das propostas do BNG para un desenvolvemento sustentable, a portavoz nacional, Ana Pontón contrapón o modelo das políticas enerxéticas ambientais do BNG, fronte ao modelo “depredador” do PP que beneficia aos grandes lobbies da enerxía, a madeira e a mineiria.

Fronte ese modelo “depredador”, dende o BNG, dixo, propoñemos un modelo sustentable cun “fondo para para a conservación da natureza dotado con 100M€, unha estratexia de estruturas verdes que acollan corredores ecolóxicos e a ampliación da Rede Natura para protexer o 20% do territorio galego”, na actualidade sitúase no 12% fronte á media estatal do 27%.

Pontón escolle Allariz como “marca de excelencia” das políticas ambientais e modelo de desenvolvemento sustentable, económico, verde e social e afirma que o goberno de Feixóo está ao lado das grandes empresas, permitindo o espolio dos nosos recursos naturais e poñendo a riqueza do País á disposición dos “grandes lobbies enerxético, madereiro e minerio, á costa dos intereses ambientais, económicos e sociais dos galegos e das galegas”.

Para a portavoz do BNG, o goberno de Feixóo está máis preocupado “polas portas xiratorias” e os beneficios de ENCE que pola biodiversidade.

Modelo de Allariz exportable a toda Galiza

O modelo de Allariz, indicou Pontón, constata a transformación do desenvolvemento sustentable “con proxectos no ámbito enerxético, no transporte colectivo ou reciclaxe de residuos” e apostando pola biodiversidade. Este modelo, afirmou, é “exportable ao conxunto de Galiza”

Desde o BNG levamos trinta anos apostando por un modelo de economía verde, respectuoso coa biodiversidade e asentado na recuperación do territorio. En Allariz empezamos pola posta en valor do Río Arnoia como referente ambiental, económico, social e cultural impulsando iniciativas pioneiras no ámbito da enerxía, da xestión de residuos e da mobilidade sustentables.

Sacamos adiante proxectos como a reserva da biosfera de Allariz con iniciativas económicas capaces de frear a “despoboación e o abandono” e con proxectos de economía cooperativa. “Apostamos pola conservación e rehabilitación do entorno construído” e por unha economía verde, sustentable no ambiental, no social e coa dotación de servizos.

A pandemia xa demostrou que a única opción para ter futuro é a defensa da biodiversidade, “unha vacina eficaz contra a ameaza de novas crises sanitarias, contra a emerxencia climática e contra os lumes devastadores de nova xeración”, recalcou a líder do BNG.

A Xunta ao servizo das grandes empresa e das portas xiratorias

Temos que actuar con decisión, aseverou Pontón, sobre todo, porque o Goberno do PP vai na dirección contraria, vai como “un condutor kamikaze” que avanza no que se coñece como a política das 3D, “-destrución, degradación e depredación”.

Sobran os exemplos, “somos unha potencia en electricidade, pero pagamos a factura da luz máis cara do Estado, mentres as eléctricas se forran”. Somos grandes produtores de madeira pero ao servizo de ENCE en lugar de apostar pola calidade e polo valor engadido do noso monte cun aproveitamento multifuncional.

“O Goberno de Feixóo lexisla a favor deses lobbies para que un puñado de multinacionais espreman como un limón os recursos naturais de Galiza. Esa riqueza é do País e debe servir para mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

Allariz, modelo de políticas sustentables

Fronte á política de escaparate da consellaría de Medio Rural con “aldeas cara á galería”, en Galiza hai un concello modelo que leva desde 1989 apostando polo desenvolvemento sustentábel e pola diversidade biolóxica. “É un proxecto integral” que abrangue os espazos urbano, rural e natural, asentado na recuperación, rexeneración e posta en valor do río Arnoia como grande eixe ambiental, social, cultural e económico

Ademais, engadiu, este modelo desenvolveu iniciativas pioneiras no ámbito da enerxía sustentábel, a mobilidade e a xestión dos residuos e promoveu a Reserva da Biosfera de Allariz cunha visión conservacionista de concienciación e dinamización.

O BNG, indicou a portavoz nacionalista impulsou solucións baseadas na natureza e paisaxes resilientes para combater a despoboación, o abandono, a degradación e o risco de incendios así como cooperativas e pequenas empresas de transformación de produtos agrogandeiros comprometidas cun rural vivo.

“Os gobernos municipais do BNG constatan que outra política é posible para defender os nosos recursos naturais e que os galegos e galegas nos podamos beneficiar do grande potencial enerxético do noso país”.

No Día mundial da biodiversidade, Ana Pontón, acompañada da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, deputados e deputadas provinciais do BNG e os deputados no Parlamento Galego, Noa Presas e Iago Tabarés, percorreron o concello, emblema das políticas sustentables do BNG para a recuperación ambiental e a conservación do patrimonio natural e construído