“Pisko” Ventín gran dominador do inicio do campeonato de Rallymix
O piloto de Tenorio, en Cotobade, Alfonso “Pisko” Ventín, foi o absoluto dominador do Rallymix Concello de Touro, primeira cita puntuable para o Campionato Galego da especialidade.
Ventín, aos mandos dun Yacarcross, impúxose en todas as mangas cronometradas do fermoso e completo percorrido marcado pola Escudería Moutor, nunha fin de semana na que a choiva fixo acto de presencia durante o sábado.
O pontevedrés, cun ritmo superior ao dos seus principais rivais, rematou a fin de semana cun tempo de 29:22.520, máis de 25 segundos máis rápido (no global) que o segundo clasificado, o asturiano Abel Jurado, e 46 sobre Javier Martínez Carracedo. Completaron os cinco primeiros clasificados da xeral e tamén da clase A, Sergio Fernández e Alejandro Fariña, a 55 segundos e 1:19 minutos do vencedor absoluto da proba.
Na clase B, reservada a vehículos convencionais, victoria para Manuel Osorio e Alberto dos Reis aos mandos do vistoso Skoda Fabia R5.
Osorio e dos Reis subiron ao primeiro lugar da clase B na segunda manga do sábado e xa non permitiron que calquera dos seus rivais se acercase ao primeiro lugar do podio que obtiveron. Os irmáns, Celestino e Jorge Iglesias, no Ford Fiesta N5 foron os segundos clasificados a tan so 7 segundos dos vencedores, xusto por diante do fillo de Celestino, “Tinín” Iglesias, que foi terceiro con Bárbara Oubel nas labores de copilotaxe noutro Ford Fiesta N5, a máis de 1:16 minutos.
Daniel Vázquez con Roberto Pombo e Jaime Pérez xunto a Jacobo Martínez, foron cuarto e quintos clasificados da clase B, nun Peugeot 208 N5 e un Peugeot 208 R5, respectivamente.
Na Copa K6 Pirelli, primeiro posto para Luis Caridad e Francisco García, nun Citroën Saxo. Segundo posto neste certame para Manuel Souto e Juan Manuel Villares e terceiro para Marcos Lousa e Raúl García, ambos os dous equipos con Saxo.
A seguinte cita puntuable para o Campionato Galego de Rallymix será os días 20 e 21 de maio con motivo da celebración do Rallymix Sidra da Estrada.