O paro cae en Galicia por primeira vez nun mes de Novembro
Baixa o número de persoas sen emprego tamén na evolución anual, nun -18,52%, a maior baixada de toda a serie histórica de datos (1996), descendendo nas principais variables e superando á media do Estado en 1,16 puntos.
O paro baixou en Galicia na evolución anual e mensual no mes de novembro, ao tempo que creceron as afiliacións e a contratación indefinida. O mercado laboral continúa a súa recuperación e volve a situarse en niveis precovid-19 cun total de 152.747 persoas desempregadas, acadando unha cifra case idéntica á que había en novembro de 2007. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos de paro rexistrado destacando que Galicia está a crear “máis e mellor emprego”.
Con respecto á evolución mensual, é a primeira vez que o paro descende na comunidade galega nun mes de novembro de toda a serie histórica (1996), rexistrando unha caída do 0,84%. En España a baixada é maior (-2,28%), xa que en Galicia o descenso do desemprego estase a experimentar desde o primeiro trimestre do ano. De feito, ao longo do ano, nos últimos once meses, en Galicia o paro baixou nun -19,43% fronte ao -18,14% de España.
Ademais, o paro entre as mulleres (-1,23%) descendeu en maior proporción que o descenso acadado entre os homes (-0,30%) e aumentou a contratación indefinida en máis dun 50,04%. As afiliacións volven a crecer nun mes de novembro na evolución mensual (+0,28%), un feito que non se producía desde novembro de 2007.
Evolución anual
En canto á evolución anual, con respecto a novembro de 2020, a caída experimentada do -18,52% (-34.725 persoas) é a maior baixada de toda a serie histórica de datos (1996) en termos relativos e absolutos e supera en 1,16 puntos a baixada do Estado (-17,36%). Galicia acumula xa oito meses consecutivos nos que baixa o desemprego, situándose a cifra global (152.747) a un nivel case idéntico ao reflectido en novembro de 2007 (152.728), antes do inicio da crise económica.
O desemprego con respecto a novembro de 2020 descendeu nas principais variables: nas catro provincias e sete grandes cidades; nos menores de 30 anos; nas mulleres; maiores de 44; e parados de longa duración. Tamén baixou en todos os sectores económicos liderando a caída o sector primario (-21,92%), seguido da construción (-21,71%), dos servizos (-17,77%) e da industria (-14,58%). A cifra de mulleres e de menores de 30 anos desempregados son as máis baixas nun novembro de toda a serie histórica de datos (maio 2005).
A contratación tamén aumentou de xeito xeral, medrando a indefinida (+129,56%) máis que a temporal. Tamén subiu a contratación a tempo completo (30,66%). Con respecto ás afiliacións, crecen nun 2,54%. Galicia continúa superando o millón de cotizacións con 1.035.498, unha cifra maior que en novembro de 2009 (1.028.533).
En palabras da directora xeral, “agora que a recuperación do mercado de traballo é unha realidade tras os peores meses da pandemia, é tempo de avaliar os novos nichos de mercado e aproveitar as novas oportunidades laborais que están xurdindo”. Neste senso, sinalou que o principal reto da Xunta na actualidade, no eido laboral, é axustar a oferta e a demanda de emprego a través da formación e, deste xeito, poder adiantarse aos empregos de futuro para seguir xerando en Galicia “máis e mellor emprego” e incentivar a contratación entre as persoas que máis o necesitan.
Lado, dunha banda, explicou que a Xunta está a apoiar aos traballadores e traballadoras no seu camiño formativo, orientándoos cara aos perfís que está requirindo o mercado laboral. Para iso, está a poñer en marcha diversas iniciativas como a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que permitirá deseñar a nova oferta formativa que Galicia necesita da man dos principais axentes e interlocutores sociais e económicos. Tamén referiuse ao estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do mercado laboral que posibilitará facer fronte aos empregos do futuro detectando as demandas actuais.
A directora xeral apuntou, así mesmo, que, de xeito paralelo, é prioritario apoiar aos galegos e galegas con máis dificultades para atopar un emprego para acadar un mercado de traballo en igualdade. Sinalou que, por iso, a Xunta porá en marcha en 2022 plans específicos para estes colectivos que suman máis de 131,2 millóns de euros: destinando 33,4 millóns ao Plan Emprega Muller; 51,8 millóns ao Plan Emprega Xuventude; e 46 millóns para o Plan Emprega dirixido ás persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.