Ourense estrea a competición 3X3 de baloncesto
O Campionato Galego 3x3 U13 e U15 será protagonista en Ourense durante todo o mes de maio.
Ourense acolle este domingo, 7 de maio; a posta de longo da competición FGB 3x3 nesta temporada. Baixo a organización de Club Carmelitas Vedruna, iníciase o Campionato Galego 3x3 U15 e U13, do que sairán as Seleccións Galegas que representen á nosa Comunidade no Campionato de España de ambas as categorías.
O Campionato iniciase este domingo, 7 de maio; No Pavillón do Colexio Carmelitas coa fase previa da categoría U15. Nela participan un total de 14 equipos masculinos e 11 femininos chegados de toda Galicia e con integrantes de diferentes clubs da Comunidade. Competirán encadrados en dous grupos por cada categoría, dos que se clasificarán para a Fase Final os dous primeiros en cada caso.
A quenda da categoría U13 chegará o vindeiro 17 de maio coa súa fase previa. Esta realizarase baixo o mesmo formato de xogo: dous grupos, clasificándose os dous primeiros equipos de cada un deles. Ambas as categorías celebrarán a súa final o 28 de maio, convertendo o Pavillón do Colexio Carmelitas no escenario da festa do 3x3 galego. Nesta data decisiva contarase con retransmisión en directo vía FEGABA TV.
O calendario da Fase Previa U15 xa está dispoñible en www.fegaba.com