Ourense acollerá o 6º Congreso Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación
O Concello organizará unha actividade para achegar os xogos tradicionais á rapazada, o xoves, na Praza Maior.
A cidade de Ourense acollerá os días 16, 17 e 18 de novembro, o sexto Congreso Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación. O alcalde Gonzalo Peréz Jácome, e a concelleira de Educación, Tamara Silva recibiron esta mañá no Concello a Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus, e Santiago Veloso, presidente de Ponte...nas ondas!, oenegué consultora acreditada pola Unesco, integrantes do comité organizador do evento.
Co lema Ponte entre escola e sociedade, o congreso ten lugar no vixésimo aniversario da aprobación da convención da Unesco de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial (PCI). Pretende promover unha reflexión sobre os efectos da súa aplicación despois de dúas décadas de funcionamento, e tamén sobre o papel da educación superior na identificación, valoración, interpretación e dinamización do PCI a través da educación.
O Concello de Ourense colabora neste evento e organizará o xoves, 16 de novembro, Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, unha actividade dirixida ao público infantil, de 11 a 13 horas, na Praza Maior, na que máis de 200 escolares de Primaria coñecerán unha ampla mostra de xogos tradicionais, que aprenderán a practicar coa axuda de monitores.
O Congreso ten como sede a Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense –edificio de Ferro, que acollerá tamén unha exposición do 20 aniversario da Convención da Unesco de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial.