Ourense acolle, este sábado 19 de novembro, a quinta edición do Circuíto Nacional de Parabádminton – 1º Campionato Cidade de Ourense. Será no Pazo dos deportes Paco Paz de 10:00 a 20:00 horas, con entrada de balde. Esta será a última proba do circuíto nacional, a que dilucidará a clasificación final, e nela tomarán parte atletas de diferentes partes do Estado divididos en dous grandes bloques en función da súa mobilidade: a pé ou en cadeira de rodas.
O Concello de Ourense colabora nesta proba a través do Consello Municipal de Deportes, e nela tomarán parte catro deportistas locais do CP Athlos: Mireia Hermida, Yago López, Manuel G. Rosendo e Ignacio Fernández. Este último, ademais de ser a inspiración do cartel da proba, acadou a medalla de bronce no último Campionato do Mundo celebrado en Toquio.