Oímbra festexa a fin da vendima coa recreación do prensado nos lagares rupestres
Este festexo que recrea unha tradición secular da viticultura de Oímbra, tal e como explicaron a alcaldesa, Ana Villarino.
O municipio de Oímbra sempre estivo ligado á viticultura, chegando a ser unha potencia desde hai séculos, tal e como testemuña a maior concentración de lagares rupestres catalogados que existen en Galicia, contabilizándose máis de 20. Esas estruturas, xa desde a época medieval, amosan a tradición da vinificación nas propias viñas, e como logo se transportaba o viño cara as adegas. Baixo estes parámetros, o Concello de Oímbra organiza desde 2018 a “Recreación do Prensado nos Lagares Rupestres”, só interrompida durante os anos 2020 e 2021 por mor da pandemia.
Así, o explicou a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, durante a presentación desta recreación festiva que tivo lugar na sala de prensa da Deputación, e na que estivo acompañada polo deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, quen salientou que “a Deputación está sempre ao carón da recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, e bo exemplo é este evento festivo que o domingo 24 de setembro unirá tradición e cultura do viño en Oímbra”.
“A Recreación do Prensado nos Lagares Rupestres” comezará co tradicional pisado de uvas (en tempos, só pisaban os homes, pero agora tamén o fan as mulleres) no lagar de Xan Preto, onde o Concello de Oímbra realizou unha réplica de prensa en madeira, transportando logo o viño resultante nun “carrillo” tirado por un “macho” (un equino así coñecido na zona), levando así os cántaros para encher os pipotes na adega, que estará no Lagar das Barrocas. Está previsto que se pisen uns 600 quilogramos de uva, das variedades godello, treixadura e dona branca. Tras facer toda a recreación, terá lugar a festa con todos os veciños e participantes, festexando deste xeito a fin da vendima.