Cultura

A Obra Social de ABANCA, presenta o proxecto expositivo «A Palma. Volcán e vida»

A fundación pretende amosar como se viviu este fenómeno desde a illa da Palma cun volcán inclemente e devastador, pero tamén como a forza do ser humano é determinante para sobrepoñerse á traxedia e abrir novos escenarios de vida.

Óscar Gómez

Ourense | 13.09.2022 11:45

El volcán de La Palma | EFE

A montaxe da mostra, en cuxas actividades da Área Educativa de Afundación xa se inscribiron máis de setecentos escolares, sorprende coa recreación dun espazo no que soa de xeito constante o auténtico ruxido do volcán de Cumbre Vieja e o laranxa de lava inunda o espazo, nun xogo de sensacións extraordinario.

A exposición quedará aberta ao público na Sala de Exposicións Afundación Ourense ata o próximo 12 de novembro. Poderase visitar de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h, e sábados, domingos e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.

A EXPOSICIÓN «A PALMA. VOLCÁN E VIDA»

Esta exposición ofrece, a través de 45 fotografías asinadas por Abián San Gil, unha narración en primeira persoa sobre como se viviu este fenómeno desde a illa da Palma para que, quen a visite, poida sentirse máis próximo á comunidade palmeira e aprender dos seus recursos emocionais, co obxectivo de «reforzarnos como unha sociedade máis humana, empática e solidaria», en palabras de Pedro Otero, director xerente de Afundación.

A través desta mostra preséntanse as angustiosas instantáneas dos momentos iniciais, nun percorrido temporal que chega ata a colaboración indispensable das persoas voluntarias e a emotiva evacuación da poboación, e finaliza cunha sección dedicada á espectacular beleza natural dunha illa que, non en balde, se alcuma A Illa Bonita, coa espectacularidade das súas paisaxes e a riqueza do seu ceo nocturno polo que se converteu na primeira no mundo en obter a certificación como Reserva Starlight da UNESCO. Unha sección que recorda que sempre hai un camiño para refacernos, sexa cal for o noso volcán particular.

A análise da erupción en Cumbre Vieja complétase cun módulo de divulgación técnica, con información confeccionada en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional e cunha sección onde nos achegaremos á outra cara do volcán, con aspectos menos coñecidos sobre as contornas volcánicas.

O obxectivo da proposta expositiva de Afundación é ofrecer diferentes lecturas e niveis para que o público se poida aproximar á erupción dun volcán desde múltiples perspectivas: unha mirada documental a través das fotografías, unha mirada histórica a través do relato de realidade virtual, un achegamento científico-técnico a través dos módulos desenvolvidos en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional, unha lectura en clave social que se fai evidente cos testemuños presentes na sala, unha mirada emocional a través da reflexión psicolóxica de Belén Colomina e, finalmente, unha proposta impactante e poética pola propia intensidade e sensibilidade das imaxes.

A exposición xorde da colaboración de Afundación coa Editorial Planeta, dinamizadora da publicación Más fuertes que el volcán, cuyos fondos se destinan integramente aos damnificados polo volcán de Cumbre Vieja.