Néstor Rego exixe en Ourense completar o saneamento íntegral do río Barbaña
Acompañado polos candidatos nacionalistas aos concellos de Ourense, Barbadás e San Cibrao das Viñas, instou á CHMS a acometer canto antes as obras de ampliación na EDAR de San Cibrao.
O deputado do BNG no Congreso dos Deputados Néstor Rego, desprazouse a Ourense para manter un encontro co Portavoz e candidado á alcaldía no Concello de Ourense Luís Seara, co Portavoz e candidato no Concello de Barbadás Sarín Núñez e co candidato en San Cibrao das Viñas Artai Gavilanes no que abordaron a urxente necesidade de completar o saneamento integral do río Barbaña,
No BNG lembran que levan tempo insistindo, a través de numerosas iniciativas tanto a nivel local como galego, estatal e mesmo europeo, na necesidade de sanear integralmente o Barbaña. En declaracións posteriores, Néstor Rego afirmou que “para o BNG o saneamento dos ríos é extremadamente importante para construir un futuro sustentábel”.
Rego referiuse as moitas iniciativas que desde a formación nacionalista se teñen rexistrado no Congreso e nomeadamente a través de emendas aos diferentes Proxectos de Orzamentos Xerais do Estado presentados polo Goberno Central “para o saneamento e rexeneración tanto das rías coma do ríos galegos”.
No tocante ao saneamento do río Barbaña, o deputado Rego lembrou que “solicitamos especificamente que se desenvolvese un Plan para o saneamento e rexeneración integral do río Barbaña e máis do Loña”, iniciativa que tal e como apunta Néstor Rego, “non saiu adiante polo voto negativo das forzas que conforman o actual Goberno do Estado, PSOE e UP, quenes terían que explicar porqué votan en contra de propostas que son de sentido común e benefician á veciñanza de Ourense, Barbadás e San Cibrao”.
Rego avanzou que coa súa presenza en Ourense quere afianzar e reafirmar o compromiso do BNG co saneamento e rexeneración do río Barbaña, “non ímos dar esta batalla por perdida”, e engade, “exixiremos ao Ministerio que se poña de acordo canto antes co Concello de San Cibrao das Viñas para a ampliación da EDAR para solucionar os problemas de verteduras ao tempo que dea solución á depuración das augas do Polígono. Igualmente é preciso identificar os focos de verquidos incontrolados para eliminalos definitivamente e a partir de aí poder rexenerar integralmente o río”.
Por último Néstor Rego fixo alusión ás eleccións do 28 de maio afirmando que “vai ser fundamental o que aconteza nesas eleccións na medida en que consigamos en Ourense, Barbadás e San Cibrao das Viñas, gobernos sensíbeis con esta problemática, que actúen activamente para solventala e non que sexan meros espectadores. Cómpre polo tanto gobernos BNG”.
Luís Seara, “a rexeneración do Barbaña é estratéxica para o BNG”
Pola súa banda, o Portavoz municipal e candidato á alcaldía do Concello de Ourense comezou a súa intervención lembrando o suceso de 2009, no que milleiros de peixes morreron por mor dun importante verquido, “pero que por desgraza nin foi nin é o único xa que por desgraza os focos incontrolados de verquidos ao Barbaña son constantes”.
Seara lembrou que o Barbañá atravesa o mesmo corazón da cidade ao pasar ao carón das Burgas e que pese a iso “Ourense nunca tivo unha relación simbiótica co río”. Tamén fixo referencia á última gran limpeza levada a cabo polo Goberno Local para sinalar que a mesma “foi estremadamente agresiva até o punto de levarse por diante a meirande parte das especies riparias e deixando pola contra aquelas invasora”.
Segundo a propia CHMS tanto o Barbaña coma o Loña pasan por ser os ríos que máis presión contaminante acumulan. Ante esta situación, Luís Seara reclama a execución do proxecto de ampliación da EDAR de San Cibro das Viñas “que contribúa a paliar a situación e a evitar os verquidos. Pedimos que CHMS e Concello de San Cibrao deixen de tirarse os trastos á cabeza, que cada quen faga o seu traballo e se execute a obra, pois de non estar rematada no ano 2025, perderíanse 15 millóns de euros de Fondos Europeos para a súa execución, e dicir, perderíase case que o 50% do financiamento da mesma”.
Seara concluíu afirmando que para o BNG o saneamento dos ríos é un dos piares centrais do seu proxecto “polo que Ourense debe converterse nun ariente contra o cambio climático e a descarbonización. Falamos de concello da auga non soamente pola nosa riqueza termal senón tamén pola riqueza dos nosos ríos”.