Infraestructuras

Mellora de 40 paradas de autobús situadas nas rutas de acceso á cidade de Ourense

As melloras levaranse a cabo en 9 estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Castro Caldelas, Coles, Esgos, Larouco, Laza, Maceda, Ourense, Petín, A Rúa, Verín e Viana do Bolo.

Óscar Gómez

Ourense | 01.06.2023 08:08

Mellora de 40 paradas de autobús situadas nas rutas de acceso á cidade de Ourense | onda cero

As actuacións consisten, entre outras, na mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna das paradas. As intervencións abranguen a colocación de refuxios de tipo rural e urbano, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático.

No eido destas actuacións tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas. Ademais levaranse a cabo traballos de reforzo do firme naqueles puntos nos que se instalen as citadas marquesiñas.

Con estas melloras preténdese fomentar o uso do transporte público, diminuíndo os movementos de corto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación. Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto mellorar 1.100 paradas en toda Galicia.

Estes proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.