Incendios Galicia

Medio Rural incrementa un 50 % o investimento en prevención contra incendios

O convenio de xestión de biomasa nas faixas secundarias coa Fegamp e Seaga duplicará o seu orzamento ata os 25 millóns de euros e tamén o reforzo en medios e bases aéreas.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Medio Rural incrementa un 50 % o investimento en prevención contra incendios | La Voz de Galicia

A Consellería do Medio Rural reforzará as actuacións en materia de incendios forestais para 2026, cun investimento de 75,38 millóns de euros, unha contía superior nun 50 % á destinada este ano, e intensificaranse os apoios a particulares e concellos mediante o convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Así o trasladou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa comparecencia a petición propia no Parlamento para facer balance da loita contra o lume unha vez rematada a tempada de alto risco.

Seguindo esta liña, a conselleira destacou que o Goberno galego redobrará o seu apoio para favorecer o cumprimento das obrigas nas faixas secundarias e así protexer os núcleos de poboación. Por iso, o vindeiro ano duplicarase o investimento no marco do convenio da Consellería do Medio Rural coa Federación Galega de Municipios e Provincias e Seaga, que pasa dos 12 millóns de euros actuais ata os 25 millóns o ano que vén.

Gómez puxo en valor que o novo convenio incluirá un incremento de parroquias priorizadas, nas que os veciños poderán contratar a Seaga para a limpeza das súas fincas; axilizaranse as execucións subsidiaras máis urxentes nas zonas de maior risco de incendio, prestarase un maior apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes e impulsarase a creación de barreiras naturais nestas faixas coa plantación de frondosas, unha cuestión que xa se contemplaba no actual convenio e que se reforzará.

Ao mesmo tempo, seguirase traballando noutras tarefas preventivas en montes públicos dependentes da Administración autonómica ou naquelas comunidades de montes veciñais coas que se leven a cabo proxectos de colaboración nesta materia como son rozas de áreas cortalumes ou faixas auxiliares, mellora de pistas forestais ou adecuación de puntos de auga. Neste sentido, os obxectivos marcados no Pladiga neste eido para o marco temporal 2025-2026 están practicamente acadados.

Melloras técnicas e para o persoal

No relativo á extinción, a titular de Medio Rural enumerou que Galicia conta con 3.000 profesionais dependentes da súa Consellería que, na época de alto risco, poden chegar ata 7.000 ao sumar o apoio de Emerxencias, doutras administracións e as forzas e corpos de seguridade do Estado. Engadiu tamén os medios materiais, entre os que salientou 380 motobombas, 36 buldócer, 14 batracios e máis de 30 medios aéreos, entre os da Xunta e os do Estado. En canto a melloras tecnolóxicas puxo en valor a rede de cámaras de videovixilancia que favorecen unha resposta rápida e concisa. Actualmente, explicou, a nosa comunidade conta con 181 en 90 espazos e proximamente instalaranse outras 56 novas en bases aéreas e centros de referencia. Isto implica un incremento considerable desde 2018, cando había 88 cámaras en 44 localizacións.