O delegado territorial fixo fincapé en que a iniciativa, enmarcada no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna da Xunta, confírmase como unha ferramenta esencial para facilitar o retorno, a integración e o acompañamento permanente aos galegos e galegas que deciden regresar á súa terra. Nese senso, sinalou que Galicia é hoxe unha terra de oportunidades á que poden voltar para sumar o seu talento e capacidades ao mercado de traballo, ben por conta allea ou propia, contribuíndo a cubrir vacantes e tamén a afrontar o propio reto demográfico.
Manuel Pardo explicou que os entre servizos prestados polas oficinas, tanto nas fixas como na móbil, atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, a vivenda, a educación, a Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas.
Ademais, engadiu o representante do Goberno galego, tamén ofrecen orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. Os servizos ofrecidos polas oficinas complétanse con apoios como as achegas extraordinarias ao retorno, das que se beneficiaron preto de 200 familias en Ourense con axudas por valor de 580.000 euros en 2024; e que na convocatoria deste ano dotouse cun orzamento de 2,3 millóns de euros.