Manuel Buciños recibe o título de Fillo Adoptivo da provincia
Manuel Buciños cualificou o título como “un honor grandísimo que non vou esquecer na vida”. O artista agradeceulle a Manuel Baltar “o moito que fixeches pola cultura ourensá, por non abandonar aquel Ourense que era a Atenas de Galicia”
O escultor Manuel Buciños recibiu o título de Fillo Adoptivo da provincia no transcurso dun solemne acto, presidido por Manuel Baltar, que lle desexou “moito ánimo para que poda seguir soñando e traballando”, ademais de moita saúde e forza “para que Ourense siga desfrutando e presumindo dun creador excepcional, dun dos grandes bos e xenerosos”.
“Honrar honra”, afirmou Manuel Baltar no seu discurso destacando así o recoñecemento que a provincia de Ourense brinda “a un dos seus grandes artistas como fillo, máis que adoptivo, fillo de nación”. O presidente da Deputación trazou un retrato do artista tomando prestadas as palabras do escritor ourensán Carlos Casares, que trala chegada de Buciños desde Madrid, onde rematara os seus estudos de Belas Artes, definiu ao escultor como “un rapaz delgado, de nariz contundente e ollos grandes, e que actuaba coa sinxela sabiduría dun labrego”.
Para Manuel Baltar, a verdadeira honra por este título é para “as mulleres e homes ourensáns de todas as xeracións, tamén do futuro”, que poden gozar da obra dun artista que, segundo as palabras doutro insigne home das letras ourensás, Eduardo Blanco-Amor, “converteuse, con esforzo e talento, nun escultor dos máis sensibles, finos e destacados”. Precisamente Blanco-Amor foi a persoa que lle convenceu para que adoptase como nome artístico o topónimo da súa aldea luguesa: Buciños.
Desvelou Manuel Baltar que a Deputación promoveu o traslado dos restos do galeguista ourensán Rodolfo Prada Chamochín, desde o panteón do Centro Galego de Bos Aires ata o cemiterio dos Peares, logo de escoitar “as palabras sinxelas e ateigadas de amor á Galicia trasterrada” coas que Buciños explicou o monumento de encargado para homenaxear ao albacea de Castelao no seu pobo natal.
Desde a carpintería do seu pai á escultura
Manuel García de Buciños Vázquez naceu en Buciños, no concello lugués de Carballedo en 1938. As ferramentas do taller de carpintería do seu pai foron os seus primeiros xoguetes, demostrando xa a súa sorprendente habilidade para traballar cos desperdicios da madeira. Aos dez anos trasládase a Ourense para cursar o bacharelato, estudando despois Belas Artes en Madrid para formarse como escultor, grazas a unha axuda concedida pola Deputación de Ourense.
De regreso a Ourense relaciónase con outros artistas formando o Grupo Sete Artista Galegos, do que tamén forman parte Acisclo Manzano, Arturo Baltar, Virxilio Fernández, Xaime Quessada, Jose Luís de Dios e Xavier Pousa, poñendo en marcha un local de referencia na cidade como O Volter. Con vinte anos realiza a súa primeira exposición individual no Museo Municipal de Ourense para continuar despois en diferentes lugares de Galicia, acadando eloxios doa critica e o público en xeral.
A inicio dos anos setenta coloca o seu primeiro monumento público en Luíntra, dedicado ao afiador, obra en bronce e que plasma a súa evolución desde a madeira ata este material, que aínda hoxe segue sendo a base principal da súa escultura. A excelente acollida que ten este monumento fai que reciba encargas desde diversos puntos de Galicia e España, destacando o monumento ao libro, o primeiro do mundo segundo a Unesco con tal obxecto, que se colocou en 1976, nos xardíns Méndez Núñez da Coruña, e con réplicas posteriores en Valladolid e Madrid.
Na súa abondosa escultura pública tamén destacan en Ourense o monumento a Ramón Otero Pedrayo na praza do Correxidor; a Blanco-Amor na praza do Bispo Cesáreo; ou a Castelao na praza da Imprenta. Na provincia figuran a escultura do Beato Sebastián Aparicio na Gudiña ou San Rosendo en Celanova.
Ten recibido innumerables distincións, entre as que figuran o Premio Madrigal, a participación no Concurso Nacional de Escultura, na Exposición Nacional de Belas Artes, na que acada en 1964 o Premio Tarragona. En Pontevedra recibe varias medallas das Bienais que convoca a Deputación; en Santiago de Compostela, en 1973 e 1975 consigue o Premio Mestre Mateo; en Lugo a medalla de prata do Concurso Bimilenario da cidade. En 1996 que recibe o Premio Otero Pedrayo das Deputaciós de Galicia, e no 2020 acada o Premio Trasalba. Na actualidade é membro numerario da Real Academia Galega De Belas Artes dende 1993.