Ourense Provincia

Manuel Baltar reivindica a importancia da posta en valor da Vía Nova

Manuel Baltar agradeceu o traballo realizado polas institucións implicadas -Deputación, Eixo Atlántico, Concello do Barco e a colaboración da Xunta- nun proxecto que, asegurou, “transformarase nunha candidatura potente para captar fondos europeos e avanzar na dinamización territorial”.

Óscar Gómez

Ourense | 13.01.2023 08:06

Manuel Baltar reivindica a importancia da posta en valor da Vía Nova | onda cero

Celebrouse no Barco de Valdeorras unha xuntanza informativa para dar a coñecer o informe sobre a posta en valor da Vía Nova aos alcaldes dos concellos polos que transcorre esta calzada romana. A elaboración deste documento enmárcase dentro do traballo realizado nesta liña pola Deputación de Ourense, Eixo Atlántico e o Concello do Barco de Valdeorras e coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Co título de "Informe sobre a Vía Nova, estado actual e propostas de dinamización para darlle un pulo como circuíto cultural", o documento achega diferentes medidas de recuperación que contan, segundo resaltan, cun gran potencial dinamizador. Este primeiro informe, realizado no marco do proxecto “Hi_Experience” e cofinanciado polo programa POCTEP, nace co obxectivo de estudar medidas para impulsar a Vía Nova, cuxa viabilidade queda prantexada a través de candidaturas a fondos europeos nas que se está a traballar de xeito conxunto.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta mañá na presentación do informe xunto ao alcalde do Barco e presidente da Mesa da Asemblea do Eixo Atlántico, Alfredo García; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e Santiago Ferrer, autor da parte galega do informe e que foi o encargado de explicar polo miúdo as principais conclusións do traballo. O acto, celebrado no salón de actos do Concello barquense, contou pola parte ourensá con representación da meirande parte da vintena de concellos polos que pasa a Vía Nova na provincia.

Na súa intervención, Manuel Baltar destacou que “as administracións públicas deben acostumarse a cooperar e traballar en rede, sobre todo para algo que nos define como a cultura”. O presidente da Deputación agradeceu ás diferentes institucións involucradas no proxecto “por poñer en común experiencias e propostas que se transformarán nunha candidatura potente e avanzar na dinamización territorial”.

“É o momento de facer unha homenaxe á nosa historia, obxectivo dunha provincia cultural coma esta, a través dun estudo valiosísimo que fala do que fomos e tamén do que seremos”, sinalou o presidente da Deputación.

Pola súa banda, Alfredo García resaltou a “necesidade da colaboración entre as distintas administracións dos territorios polos que transcorre a Vía Nova -León, Ourense e norte de Portugal- para un proxecto que pretende poñer en valor a romanización en toda Galicia”. Por outra banda, explicou que “o seguinte paso é plasmar isto nun proxecto europeo cando se abra o prazo de presentación nos próximos meses”. O alcalde do Barco de Valdeorras rematou agradecendo “a boa disposición que tivo a Deputación para realizar esta labor”.

Xoán Vázquez Mao explicou que este proxecto de valorización vén dado “polo conxunto inmenso de riqueza patrimonial e cultural da época castrexa e romana que hai en Galicia, facendo necesario un circuíto cultural que conecte eses puntos”. O secretario xeral do Eixo Atlántico destacou o “bo entendemento dos membros desa institución -Concello do Barco, Deputación de Ourense e Cámara Municipal de Braga-” . Ademais, Vázquez Mao expuxo a xénese deste plan de valorización da Vía Nova e explicou que “non será un traballo dun só ano, polo que se irán presentando proxectos a distintos fondos europeos, comezando polo POCTEP”.

Circuíto Cultural da Romanización

O Eixo Atlántico ven desenvolvendo un proxecto liderado polo Concello do Barco e a Deputación de Ourense para a promoción do Circuíto Cultural da Romanización, unha iniciativa financiada polos Fondos de Cooperación Transfronteiriza da UE que pretende poñer en valor a pegada patrimonial e cultural castrexa e romana no territorio da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

Un dos piares deste Circuíto Cultural da Romanización é a recuperación e dinamización da Vía Nova, unha ruta romana que transcorría desde Asturica Augusta (Astorga) ata Bracara Augusta (Braga), cruzando en diagonal a nosa provincia, e cuxos numerosos vestixios se poden observar ao longo do territorio ourensán en diferente estado de conservación. Tendo isto en conta, o proxecto fai fincapé na súa restauración, boa sinalización, mantemento prolongado e promoción por parte das institucións públicas.

A presentación deste informe serve como punto de partida ao impulso de diferentes candidaturas para recibir financiamento dos Fondos de Cooperación, conxuntamente co tramo portugués, que poidan ser invertidos na realización das distintas medidas dinamizadoras recollidas no informe.