Ourense Provincia

Luis Menor compromete “con total convicción” o apoio firme da Deputación á UNED

O presidente provincial participou no acto de apertura do curso académico da Universidade Nacional a Distancia na provincia, no que por primeira vez participou o reitor da institución, Ricardo Mairal Usón, co que Menor Pérez mantivo unha recepción institucional no Pazo Provincial.

Óscar Gómez

Ourense | 09.11.2023 08:46

Luis Menor compromete “con total convicción” o apoio firme da Deputación á UNED | onda cero

O presidente provincial, que previamente mantivo unha recepción institucional co reitor no Pazo Provincial, participou no acto solemne, onde sinalou que “a UNED inicia un novo curso coa ilusión que sempre caracteriza a quen cre no que fai, cun equipo directivo que aposta por potenciar a presenza da institución en toda a provincia, como é o caso da súa sede en Valdeorras, en A Rúa. E faino alentada por esas máis de 1.000 persoas que cada ano atopan na súa oferta formativa un motivo polo que seguir aprendendo”.

Luis Menor quixo falar tamén desde a súa experiencia persoal “como alumno que fun e pretendo volver a selo, por iso sei perfectamente que todo canto se diga bo da calidade da ensinanza da UNED en Ourense é xusto, acaído e obxectivo”. De feito, remarcou que “o alumnado demostra que Ourense é unha provincia de mulleres e homes que queren aprender. E que o fan cunha clara mostra de compromiso, o que debe ter unha persoa para estudar sen as facilidades da formación presencial”. Por elo, o presidente provincial deixou patente que “de axudalos nese compromiso encargarase o estupendo equipo da UNED de Ourense, e niso colaboraremos as institucións, como a Deputación de Ourense, que con total convicción é unha das entidades que financian o Consorcio desde os seus inicios, hai 31 anos”.

No remate da súa intervención, na que Luis Menor quixo agradecer o seu labor a toda a comunidade educativa da UNED na provincia, sinalou que “estamos ante unha mostra máis desta provincia con inquedanzas, ganas de se superar e de avanzar grazas á formación e ao coñecemento, ferramentas que son a gran razón de ser da UNED, que tanto bo fixo por esta provincia e que así o sigue facendo. Desde logo, facedes provincia e a Deputación sempre estará ao voso carón para seguir facendo Ourense entre todos”.