Licitación das obras da senda do Barbaña e da Avenida das Caldas que conectarán Ourense de norte a sur
A finais do verán comezarán os traballos pola avenida da Caldas, que estarán a pleno desenvolvemento cando se inicien no paseo do Barbaña, xa no último trimestre.
Ethel Vázquez, anunciou a licitación das obras da senda do Barbaña e da avenida das Caldas, que suporán un investimento autonómico de 5,4 M€ e permitirán conformar un itinerario sostible, accesible e seguro que conecte Ourense de norte a sur. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou esta mañá estas dúas intervencións.
Explicou que este mesmo luns se licitaron as obras de acondicionamento da avenida das Caldas por importe de 1,4 M€, ás que as empresas poden presentar as súas ofertas ata o 24 de abril; e que tamén hoxe se licitan os traballos da senda entre Os Remedios e Expourense, ao longo do paseo do Barbaña, por case 3,8 M€. Neste caso o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas remata o 25 de abril.
Ethel Vázquez avanzou que a Xunta iniciará as primeiras obras a finais do verán, comezando pola senda da avenida da Caldas, que estará xa a pleno desenvolvemento cando comecen os traballos no paseo do Barbaña, no último trimestre do ano.
O obxectivo, dixo, é poder ter rematados estes treitos de senda a finais de 2024, avanzando así na conformación do itinerario que conectará os principais equipamentos da cidade, de norte a sur, a través de 5,1 km de sendas cun investimento global da Xunta de máis de 8 M€.
Detallou que o Goberno galego está a impulsar esta senda metropolitana que irá desde a intermodal ata Expourense, pola avenida das Caldas, a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz.
Concretou que na senda entre a intermodal e a Ponte Romana, a da avenida das Caldas, se acometerá unha humanización integral para convertela en porta de entrada á cidade, tendo en conta que a senda parte da estación intermodal. Así, mellorarase a mobilidade peonil e ciclista nun treito que coincide, ademais, coa Vía da Prata, polo que tamén se contribuirá á dinamización do Camiño.
Actuarase ao longo de 600 metros, entre a estación intermodal e a Ponte Romana, habilitando beirarrúas máis anchas e carril bici, gañando espazo para as persoas e reducindo a circulación do tráfico rodado a un carril, en sentido baixada, que se dotará, pola marxe dereita, de aparcadoiro, paradas de autobús e zonas de carga.
Tamén se ampliarán e se renovarán as beirarrúas, procurando un ancho mínimo de 2 metros na marxe dereita en sentido baixada e de entre 3 e 5 metros pola marxe esquerda, que é a que coincide co Camiño de Santiago.
No caso do treito de senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña, serán 3,5 km de itinerario, dándolle continuidade onde se interrompe, entre a praza de abastos e A Molinera. Melloraranse os pavimentos para a circulación a pé e en bici e os cruces, dando preferencia a estes usuarios, e reforzando tamén a accesibilidade e as conexións coa contorna.
Executarase unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente, dando solución á beirarrúa precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana. Ademais, para acadar unha mellor conexión entre a Ponte e a senda do Barbaña, habilitarase un paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.
Ao longo do percorrido mellorarase o acceso ás Burgas, conectando de modo directo os paseos do Barbaña e Barbañica e actuando no acceso á zona deste pavillón Paco Paz e a Expourense.
Ethel Vázquez enmarcou estas intervencións na aposta da Xunta pola mellora da seguridade nas estradas e a dotación de sendas peonís para unha mobilidade segura, saudable e sostible, un traballo que nos últimos anos permitiu a dotación de máis de 250 km de sendas cun investimento de máis de 50 M€.
Lembrou que en Ourense esta primavera estarán rematados os preto de 6 km de itinerarios que se están a executar en Valdorregueiro e en Montealegre e tamén na Rabaza, A Ponte Sevilla e avenida de Ponferrada, cun investimento da Xunta de 3,4 M€. Estas intervencións enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.