Cultura

Jazz e poesía na Insua, lembrando a Xela Arias

Manuel Baltar destaca: “Un espazo único acolle un evento único da nosa cultura”, e lembra que para a Deputación de Ourense “todos os días do ano son o Día das Letras Galegas”

Óscar Gómez

Ourense | 10.05.2021 09:16

Jazz e poesía na Insua, lembrando a Xela Arias | onda cero

O singular espazo que une natureza e intelectualidade: a Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño), celebra o vindeiro 17 de maio, no 13º aniversario deste parque temático da cultura galega, unha xornada de jazz e poesía, a cargo da banda 4 Mal Quartet Jazz e os poetas Rochi Novoa e Quico, quen lembrarán a Xela Arias, a poeta, profesora, editora e tradutora galega á que se lle dedica este ano a efemérides das nosas Letras. A actividade, titulada “Musicando versos”, conta co patrocinio da Deputación de Ourense, a través da Rede de Auditorios Provinciais, e o apoio do Concello do Carballiño. Terá lugar ás 19.00 horas.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, define o evento como: “Un espazo único acolle un evento único da nosa cultura”, e lembra que para o goberno provincial “todos os días do ano son o Día das Letras Galegas”. Neste sentido, o creador e impulsor da Insua dos Poetas, o escritor porteño ourensán Luís González Tosar (Bos Aires, 1952) destaca que esta cita cultural en plena natureza comezou o 17 de maio de 2009, ano dedicado a Ramón Piñeiro, e foise consolidando “como un proxecto singular en defensa do medio ambiente, encravado no rural, que promove a lingua e a cultura de Galicia”. En relación a Xela Arias, Tosar expresa: “Marchou demasiado pronto, pero aínda así converteuse nunha das voces más innovadoras e rupturistas da poesía contemporánea en lingua galega".

Precisamente, o pasado 27 de marzo, Xela Arias pasou a integrar a nómina de autores que conforman o universo literario da Insua dos Poetas. Un espazo público destinado á creatividade cultural no que a natureza dialoga coas artes plásticas e coas mellores palabras dos nosos poetas. Naquela ocasión, a Insua celebrou o IX Día da Auga, da Árbore e da Poesía, que se converteu na primeira homenaxe ourensá a Xela Arias. Poesía, danza e música mesturáronse nun acto que incluíu o descubrimento dunha escultura do artista ourensán Alberto Fernández que, dun xeito simbólico, interpreta a poesía de Arias.O acto, titulado "Xela Arias en liberdade: auga, árbores e palabras", contou cun espectáculo de música, danza e poesía conducido pola escritora Yolanda Castaño.

Nestes trece anos de traballo ininterrompido, teñen sido instalados na paraxe da Insua, autores das letras galegas de todos os tempos, desde Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, ata Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez, Xosé María Díaz Castro, Antón Tovar, Carlos Casares, Víctor Campio Pereira e os integrantes da Xeración Nós: Vicente Risco, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo, Castelao e Ramón Cabanillas.