Javier Ramilo logra o triunfo no rallymix da sidra da Estrada
Javier Ramilo “Kobas” foi o vencedor do Rallymix da Sidra da Estrada, segunda proba puntuable para o Campionato Galego da especialidade celebrado no entorno da praia fluvial da localidade pontevedresa.
Ramilo, aos mandos dun Yacarcross, competiu durante toda a fin de semana contra o vencedor da primeira proba, Alfonso “Pisko” Ventin, que rematou a primeira xornada como líder, pero caeu postos na clasificación o domingo tras sufrir un pinchazo na primeira manga e perder case un minuto na quinta e definitiva pasada polo treito, finalizando na posición 14 da xeral.
Desta forma, o segundo posto da clasificación xeral da proba foi para Manuel Osorio e Alberto dos Reis, que aos mandos do Skoda Fabia R5 tamén se impuxeron na clase B. Osorio e dos Reis marcaron o mellor tempo nas tres últimas mangas aproveitando as bondades do Skoda no trazado xa deteriorado polo paso dos case 100 equipos en cada unha das pasadas.
O terceiro escalón do podio foi para outro dos destacados deste inicio de certame, Sergio Fernández. Sobre un Speedcar, Fernández quedouse a catro segundos do segundo lugar a 16 do triunfo, confirmando a súa boa progresión. Completaron os cinco primeiros postos da clasificación, Abel Jurado e Antonio Viloria, a 20 e 43 segundos da cabeza, respectivamente e ambos sobre sendos Yacarcross.
Na Clase B, e detrás de Osorio e dos Reis situáronse Jorge Fernández Gay e Freddy Carballo (Skoda Fabia R5) e Tinín Iglesias e Bárbara Oubel, no Ford Fiesta N5. Dentro da Copa K6 Pirelli, o equipo máis rápido foi o formado por Omar López e Álvaro Cerqueiras (Suzuki Swift), seguidos de Jesús e Manuel Sánchez no Citroën C2 R2 Max e Luis Caridad e Francisco García, no Citroën Saxo.
A próxima proba puntuable para o Campionato Galego de Rallymix será os días 24 e 25 de xuño en Piñor, Ourense.