Unha decena de parques infantís públicos recentemente remodelados permanecen pechados e sen uso á espera de seren inaugurados polo alcalde Jácome, quen “castiga” aos cativos e cativas da cidade impedíndolles xogar nestes espazos en favor do seu interese “puramente electoralista”.
“Ao alcalde non parece importarlle que a rapazada non teña un espazo digno de lecer, xa que ten múltiples zonas de xogo e recreo ao aire libre para a infancia totalmente clausuradas, malia estaren as obras de acondicionamento rematadas hai varios días”, sinala o edil Borja Trigás, quen asegura que Jácome está máis interesado en “cortar a cinta ás portas das eleccións”.
Entre os parques infantís vetados polo alcalde están o da Praza da Marina, o do Peco e o de San Rosendo, no barrio da Ponte; o parque das Zapatillas, en San Francisco; o da rúa Bella Otero, en Barrocás; o da rúa Laza, próximo ao Xardín Botánico de Montealegre; o da praza da Marina e o da rúa Río Mao, no Vinteún; ou o de Francisco Añón Paz, no barrio do Couto.
Os socialistas lembran que a reforma destes espazos forma parte dun proxecto de renovación integral e mellora da seguridade de 39 parques infantís que a administración local se comprometeu a renovar antes do verán, cun investimento que supera o millón de euros.
“A intención desta reforma era contar con espazos de xogo seguros e de proximidade, de xeito que as familias ourensás tivesen un parque infantil unha distancia de 15 minutos dos seus domicilios. Por este motivo reclamamos que o Concello proceda á apertura inmediata dos parques reacondicionados, de xeito que os nenos e nenas da cidade teñan espazos onde xogar e divertirse dentro dos seus barrios”, conclúe Trigás.