AVE Galicia

Jácome considera “un desprezo a Ourense absoluto” que o PP diga que o AVE aínda non chegou a Galicia

“Non nos deixan desfrutar dun día de festa porque as noticias que nos chegan da Xunta de Galicia ou do estado español son sempre malas para Ourense, incluso nos días de festa”, manifestou Gonzalo Pérez Jácome.

Óscar Gómez

Ourense | 27.06.2022 09:28

ave en ourense | diario atlántico

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome cualificou de “intolerable” que o PP diga que o AVE aínda non chegou a Galicia. “É un desprezo a Ourense absoluto”, asegurou o rexedor, en resposta ás declaracións realizadas no día de onte pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado e o vicesecretario de organización do PP, Miguel Tellado, nas que manifestaban que “seguimos agardando a chegada do AVE a Galicia. O AVE chegou a Ourense, pero non chegou a Galicia”.

“Non nos deixan desfrutar dun día de festa porque as noticias que nos chegan da Xunta de Galicia ou do estado español son sempre malas para Ourense, incluso nos días de festa”, manifestou Gonzalo Pérez Jácome, quen asegura que as declaracións de Paula Prado son unha “frase lapidaria. Dixo: o AVE chegou a Ourense pero non a Galicia. E como alcalde debo dicir que esta frase mostra unha absoluta discriminación e explica por qué levamos tantos anos discriminados. Ourense é simplemente un sitio de paso e que o que realmente importa de Galicia son Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e outros sitios”.