Inaugurada a exposición "O bosque anguriado"
O Marcos Valcárcel acolle a exposición “O bosque anguriado”, dos escultores Tino Canicoba e Moxom.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a exposición “O bosque anguriado”, dos recoñecidos escultores Tino Canicoba e Moxom. Co protagonismo absoluto da madeira tallada e policromada en diferentes tamaños e formatos, a mostra poderá ser visitada ate o día 12 de marzo.
A inauguración da exposición contou coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; do director do Marcos Valcárcel, Francisco González; e dos propios artistas. Fernández resaltou na súa intervención a potencia dunha exposición que resalta o traballo destes dous escultores. Canicoba traballa prioritariamente a madeira coa súa motoserra portátil e Moxom faino exclusivamente coa súa navalla. Moxom emprega madeiras atopadas nos seus percorridos polo monte e Tino emprega bloques máis grandes. Pero en ambos casos a figura acaba saíndo do interior da madeira, sen debuxo nen deseño previo.
O director do centro cultural, Francisco González, salientou a capacidade de interacción existente entre as obras de ambos creadores, que "dialogan de xeito fluído e harmonioso ao longo de toda a sala de exposicións. Os homes que ollan e calan de Tino observan dende a súa quietude ás mulleres que Moxom vai atopando dentro das súas pequenas madeiras de castiñeiro ou doutras especies autóctonas".
A exposición contará cun catálogo que está en elaboración e no que, ademais da reproducción das pezas expostas, figurarán textos de Afonso Monxardín e de Francisco X. Fernández Naval.